Unha erupción solar descomunal

Explosión solar descomunal
A Axencia Espacial Europea (ESA, nas súas siglas en inglés), vén de publicar esta imaxe dunha descomunal explosión solar acontecida no ano 2003. O día de Halloween daquel ano pasou aos anais da historia solar. No transcurso de dúas semanas, os físicos solares foron testemuñas do episodio máis prolongado de actividade solar do que se ten constancia dende que os satélites conquistaron o firmamento. O Observatorio Solar e Heliosférico (SOHO) rexistrouno todo. O seu telescopio ultravioleta capturou o momento álxido do fenómeno o día 4 de novembro de 2003, ás 19:29 GMT, desvelando unha abrasadora erupción solar que emanaba da rexión activa 10486. Unha erupción solar é a liberación espontánea de enerxía asociada coa reconexión das liñas do campo magnético do Sol para adoptar unha configuración máis estable. Na erupción que se pode ver nesta imaxe, o Sol liberou unha cantidade de enerxía equivalente a un billón de bombas atómicas como a de Hiroshima en cuestión de minutos. A intensidade do fulgor cegou a cámara na zona na que aparece unha mancha branca horizontal. A secuencia de eventos comezou a finais de outubro, cando unha mancha solar xigantesca, cun diámetro dez veces superior ao do noso planeta, apareceu polo limbo occidental do Sol, seguida por outra mancha dun tamaño similar. As dúas rexións activas sucaron a cara visible do Sol, xerando erupcións de forma case diaria. Esta imaxe mostra unha das erupcións provocadas pola segunda mancha. As erupcións solares clasifícanse en función da enerxía que liberan na banda dos raios X. Hai tres categorías principais: C, M e X, subdivididas á súa vez en 10 clases. As erupcións M1 son dez veces máis potentes que as C1, e a intensidade das de clase X1 é dez veces superior á das M1, ou cen veces a das C1. Esta erupción foi tan potente que superou o límite superior da categoría X, a clase X10. As análises revelan que acadou o nivel X28, é dicir, foi 28 veces máis potente que unha erupción de clase X1. Neste evento, o Sol emitiu uns mil millóns de toneladas de materia cunha velocidade de 2.300 km/s – uns impresionantes 8.2 millóns de quilómetros por hora, informa a ESA. | Foto: ESA/NASA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.