greenpeace_balloon_3

Recta final para o ‘Cumio do clima’

Comeza a semana clave en París para os ministros de 195 países máis a Unión Europea

greenpeace_balloon_3

Tras unha primeira semana intensa de negociacións e alianzas económicas, o acordo universal e vinculante parece materializarse. Comezan as reunións de alto nivel cos ministros de medio ambiente das 196 partes que participan na COP21 e que traballarán ao longo desta semana co borrador presentado o sábado. Aínda co medo ao fracaso que estivo presente no cumio de Copenhague en 2009, as delegacións e os ecoloxistas amósanse optimistas: un acordo parece posible.

Entre as delegacións dos 195 países e a Unión Europea que asisten á COP21 ata o venres 11 de decembro (día que se aprobará o acordo se as negociacións non se alongan), o ambiente é optimista e as reunións avanzan a bo ritmo.

Borrador en man, os ministros de medio ambiente de todos os países debaten xa os diferentes puntos do acordo. O aspecto máis controvertido segue sendo o financiamento a longo prazo e o abandono do uso de combustibles fósiles cara ás enerxías renovables. Pero Francia, organizadora do evento xunto a Nacións Unidas, ten claro que o acordo debe obrigar aos países a non superar o aumento de temperaturas de 2 ºC.

“Hai unha semana os dirixentes de 150 países comprometéronse a facelo todo para chegar a un acordo mundial sólido, necesario para superar o desafío”, anunciou Laurent Fabius, presidente da COP21 na sesión inaugural da segunda semana.

Agora, o futuro do acordo está en mans dos ministros. “A semana pasada máis de medio millón de persoas saíron ás rúas de todas as cidades do mundo. O Papa Francisco e moitos outros líderes relixiosos teñen falado do imperativo moral de actuar. Todos temos a obriga de oír as súas voces. Isto é o que esperan de nós os habitantes do planeta”, engadiu Fabius no seu discurso.

Os ministros presentarán ao longo da semana a versión final do acordo de París. Pero aínda que o texto parece claro en canto ás opcións despois dunha semana de negociacións, está lonxe de ser ambicioso, segundo sinalan as organizacións ecoloxistas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.