O maior mosaico 3D de cubos de Rubik retrata a Einstein na Coruña

El mayor mosaico 3D hecho con cubos de Rubik en MUNCYT Coruña
O cubo de Rubik cumpre 40 anos e para conmemorar esta data tan significativa o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT) expón na súa sede da Coruña, até o próximo 26 de abril, o maior mosaico 3D do mundo feito con cubos de Rubik, realizado con 4.444 destes obxectos e de 1.500 kg de peso. A obra representa o rostro de Albert Einstein e só pode ser vista de forma óptima dende un ángulo concreto en función da altura de cada persoa. Para conseguir esta visión dende as distintas alturas de cada espectador, o mosaico está realizado sobre unha plataforma creada ex profeso para a ocasión e que se encontra suspendida grazas a tres grosos cables de aceiro. A plataforma conta con tres paneis idénticos, nun ángulo de 90 graos que forman medio cubo e que se sustentan sobre unha base inferior. O seu autor é Ernesto Fernández, campión de Europa e do mundo da modalidade Rubik’s Clock e varias veces campión de España de Rubik’s cube. Fernández comezou co tratamento informático da imaxe do coñecido científico, realizando centos de modificacións que permitiron finalmente pixelar a imaxe ata convertela nun formato Rubik, é dicir, a seis cores primarias sen cambio de tonalidade. A partir de aí, converteu a imaxe 2D en 3D e elaborou un manual que servise de guía para adaptar os 39.999 pixeis nos que quedou finalmente convertida a imaxe. Antes de fabricar a plataforma expositora calculouse o tamaño do mosaico, así como o seu peso e distribución e o ángulo de exposición, entre outras características. Unha vez construída, adaptáronse os 4.444 cubos necesarios, un a un, e coséronse con tres quilómetros de nailon en diversos sectores e fases independentes para evitar a súa caída.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.