Un rescate en alta mar que trae recordos de catástrofes como a do Prestige. Salvamento Marítimo rescatou aos 22 tripulantes do buque mercante de transporte de vehículos ‘Modern Express‘, de bandeira panameña, e trasladounos ata A Coruña. O buque emitiu o sinal de socorro cando estaba a 148 millas de Cabo Ortegal, en zona de responsabilidade SAR británica correspondente ao MRCC Falmouth, que coordinou a emerxencia, aínda que solicitou os medios de rescate españois que se lle ofreceron.
O buque, de 163 metros de eslora, presentaba unha escora de ata 40 graos, o que unido á climatoloxía, con ventos de forza 8 do SW e mar moi grosa, fixo que decidisen solicitar a evacuación, dificultada pola gran distancia de terra á que se atopaban. O buque, que procedía de Gabón dirixíase cara a Le Havre (Francia).
No operativo coordinado por Falmouth colaboraron tamén o Centro Nacional de Coordinación de Salvamento de Madrid, Cros ETEL (Francia) e o Centro de Coordinación de Salvamento en Finisterre, que mobilizou inicialmente ao helicóptero de salvamento Helimer 401, o avión Sasemar 102 e o helicóptero da Xunta Pesca II. Tamén se mobilizou ao Helimer 207 de Xixón, aínda que foi desmovilizado tras o rescate. Do mesmo xeito, tamén recibiron aviso aos buques que se atopaban na zona, achegándose a menos de 3 millas ata un total de 6 buques.
O primeiro medio aéreo en chegar foi o Helimer 401, que conseguiu izar ata o helicóptero a 16 tripulantes do buque, todos en bo estado, e trasladounos ata o aeroporto da Coruña.
A continuación, o helicóptero Pesca II, da Xunta de Galicia, conseguiu rescatar aos 6 mariñeiros restantes e trasladalos a Celeiro