Unha nova evidencia da atípica situación que estamos vivindo este mes de outubro, que rexistrou a máxima histórica en Ourense e a chegada do furacán Ophelia, que acabou incrementando o efecto letal dos incendios. Os meteorólogos definen como “noite tropical” a situación dunha temperatura mínima por riba de 20ºC. Casos propios de latitudes tropicais, de aí o seu nome, e de épocas de verán. Pois ben, segundo informa MeteoGalicia, a pasada noite, a do 26 ao 27 de outubro, foi tropical en varios puntos de Galicia. Destaca o caso da estación de Punta Candieira, en Cedeira, que recolleu unha mínima de 20,7ºC, nunha zona que non adoita destacar entre os valores máximos de Galicia, cunhas máximas medias con valores semellantes aos que se acadaron esta noite.
A temperatura foi incluso maior na estación de Lira, en Carnota (20,9ºC). Na zona de Vigo, as mínimas nocturnas tamén foron altas: 19,8ºC en Vigo-Campus e 19,1º en Fornelos de Montes.