Nihonio, moscovio, téneso e oganesón confirmados como novos elementos químicos

Nihonio, moscovio, téneso e oganesón, os novos elementos químicos.
Nihonio, moscovio, téneso e oganesón, os novos elementos químicos.
Nihonio, moscovio, téneso e oganesón, os novos elementos químicos.

Dende esta semana xa se pode actualizar a táboa periódica cos nomes oficiais dos elementos 113, 115, 117 e 118. A Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) aprobou que se denominen, respectivamente, nihonio, moscovio, téneso e oganesón.

O pasado mes de xuño os equipos de químicos que descubriran os elementos 113, 115, 117 e 118 da táboa periódica solicitaron á Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) que se denominasen nihonium, moscovium, tennessine e oganesson.

Publicidade

Tras o prazo de cinco meses establecido para as alegacións, este 28 de novembro a IUPAC aprobou oficialmente os nomes destes catro elementos e as súas correspondentes abreviaturas de dúas letras: Nh, Mc, Ts e Og. En galego serían nihonio, moscovio, téneso e oganesón (aínda que a decisión final queda agora en mans da Real Academia Galega).

O nihonio significa ‘terra do sol naciente’ e é o primeiro elemento atopado en Asia

Para a elección destes nomes, e seguindo a tradición de elixir termos xeográficos ou referidos a científicos, optouse por denominar tres elementos na  honra de Xapón, Moscova e Tennessee, e un cuarto en homenaxe a un investigador ruso.

A palabra nihonio, descuberto por investigadores xaponeses do RIKEN Nishina Center for Accelerator-Based Science, significa “a terra do sol nacente”. Trátase do primeiro elemento químico achado e bautizado dende Asia. Este equipo, dirixido polo profesor Kosuke Morita, confía en que o achado tamén sirva para recuperar a esperanza tras o desastre nuclear de Fukushima.

Pola súa banda, o moscovio e o téneso son propostas conxuntas dos seus descubridores no Instituto para a Investigación Nuclear en Dubna (Rusia) e diversos centros de Estados Unidos: o Laboratorio Nacional Oak Ridge, a Universidade Vanderbilt en Tennessee e o Laboratorio Nacional Lawrence Livermore en California.

Finalmente, a denominación do elemento oganesón salienta o labor do físico ruso Yuri Oganessian (nacido en 1933). Entre os seus moitos logros, destacan o descubrimento de elementos superpesados e as súas evidencias experimentais da denominada “illa de estabilidade”.

1 comentario

  1. Ola,
    Un par de comentarios sobre os nomes que empregades en galego, e que son simples calcos dos nomes que se recomendan para o castelán.

    Mellor ca “oganesón” sería usar “oganesson”. Sería grave e non aguda por coherencia cos outros elementos do grupo 18 (“neon”, “argon”, “cripton”…); e os dous -ss- manteríanse por fidelidade ao antropónimo de que parte o nome do elemento (igual que dicimos “einsteinio” (http://academia.gal/dicionario/-/termo/einsteinio) e non “einstenio”, coma en castelán).

    En paralelo a “téneso” (senón mellor ca el) debería citarse “ténnesso”. Se asumimos como principio a idea de manter a integridade da forma dos topónimos (“berkelio” e non “berquelio”, de Berkeley), e temos en conta que Tennessee é a forma correcta deste topónimo en galego (https://gl.wikipedia.org/wiki/Tennessee), o coherente sería darlle prioridade ao uso de “ténnesso”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.