Este luns a sonda Juno da NASA sobrevoou a Gran Mancha Vermella, unha xigantesca tormenta do tamaño da Terra que azouta a superficie de Júpiter. Agora a axencia espacial estadounidense distribúe as imaxes que captou a nave para que calquera usuario poida utilizalas e compartilas por internet.
A misión Juno da NASA completou o pasado 10 de xullo un sobrevoo sobre Júpiter e a súa Gran Mancha Vermella, a un 9.000 km de altura do xigante gaseoso. Todos os instrumentos científicos da nave e a cámara JunoCam estiveron a operar durante o sobrevoo, recompilando multitude de datos que agora chegan á Terra.
A Gran Mancha Vermella é unha tormenta anticiclónica de 16.000 quilómetros de ancho que foi monitorada desde 1830, aínda que posiblemente leva existindo desde hai máis de 350 anos. Nos tempos modernos, esta colosal ?mancha?, que abarca unha rexión máis grande que a Terra, parece estar a se encoller.
As imaxes en bruto da Gran Mancha Vermella captada por Juno publícanse agora. Ademais da valiosa información que achegarán aos científicos, a axencia espacial estadounidense convida ao gran público a descargarlas e actuar como un equipo de imaxe virtual, para identificar as características que consideren de interese e compartilas en liña.
“Durante xeracións, persoas de todo o mundo e de todos os ámbitos marabilláronse pola Gran Mancha Vermella”, destaca Scott Bolton, investigador principal de Juno desde o Southwest Research Institute de San Antonio (EE UU). “Agora imos ver como é esta tormenta de maneira máis próxima e persoal”.