Xaneiro é o mes do ano con máis mortes en Galicia. Na imaxe, o cemiterio de Rioaveso, en Cospeito. Foto; Manolo Feal / CC BY-SA 3.0.

Xaneiro é o mes do ano con máis mortes en Galicia. Na imaxe, o cemiterio de Rioaveso, en Cospeito. Foto; Manolo Feal / CC BY-SA 3.0.

En que mes do ano hai máis mortes en Galicia?

A distribución mensual dos falecementos, segundo datos do IGE, amosa unha maior mortalidade en xaneiro, decembro, febreiro e marzo

Xaneiro é o mes do ano con máis mortes en Galicia. Na imaxe, o cemiterio de Rioaveso, en Cospeito. Foto; Manolo Feal / CC BY-SA 3.0.

Xaneiro é o mes do ano con máis mortes en Galicia. Na imaxe, o cemiterio de Rioaveso, en Cospeito. Foto; Manolo Feal / CC BY-SA 3.0.

A evidencia de que a nosa saúde se ve afectada no inverno galego vén de lonxe. A linguaxe popular xa o recolleu, con termos como “a caída da folla“: facendo unha analoxía co momento no que as árbores caducifolias comezan a perder as follas de cara ao outono, increméntanse as mortes. E os datos que achega o Instituto Galego de Estatística así o confirman.

Tal e como amosa o gráfico, cos datos entre 1997 e 2016, os meses con máis mortes son, en este orde, xaneiro, decembro, febreiro e marzo. Así, o inverno é, con diferenza, a estación do ano que concentra a gran parte das mortes. E os meses entre xullo e novembro nunca se sitúan entre os tres con máis falecementos do ano.

NOTA: Preme en cada ano para ver os datos.


Segundo os datos, as principais causas de falecemento son as enfermidades do sistema circulatorio (1º), os tumores (2º) e as enfermidades respiratorias (3º). As mortes das dúas principais causas teñen unha distribución estacional máis homoxénea, pero no caso das doenzas respiratorias, hai estudos científicos que evidencian a influencia da meteoroloxía na súa gravidade.

As mortes por meses nos últimos 20 anos en Galicia. 1º con máis mortes (vermello), 2º (amarelo) e 3º (verde). En azul, o mes con menos mortes do ano. Fonte: IGE / Elaboración propia.

As mortes por meses nos últimos 20 anos en Galicia. 1º con máis mortes (vermello), 2º (amarelo) e 3º (verde). En azul, o mes con menos mortes do ano. Fonte: IGE / Elaboración propia.

Estudos científicos sobre as mortes

Un exemplo é o traballo Winter circulation weather types and hospital admissions for respiratory diseases in Galicia, Spain publicado en 2016 no International Journal of Biometeorology por investigadores da USC, UVigo e MeteoGalicia. O traballo evidencia un agravamento de saúde por problemas respiratorios en Galicia. “Hai un número máis alto de ingresos hospitalarios en inverno, entre novembro e marzo (90 de media) comparados coa media anual, de 75“, di o traballo nas súas conclusións.

Do mesmo xeito, hai determinadas condicións, segundo o estudo, que favorecen a difusión dos virus que poden causar estas doenzas respiratorias. “O clima frío e seco favorece a transmisión deste virus e conduce a debilitar as defensas dos sistemas respiratorios”.

Hai máis ingresos hospitalarios en invernos, e as enfermidades respiratorias, e mesmo cardiovasculares, complícanse

Estes problemas afectan, en maior medida, a persoas de idade avanzada, máis susceptibles a padecer complicacións de saúde que deriven na morte. Así o amosan os traballos aos que fan referencia os investigadores galegos. Así, estudos realizados no Reino Unido estiman que arredor do 33% do aumento estacional da mortalidade está asociado a enfermidades respiratorias producidas por infeccións. E non só iso, o mesmo estudo suxire que “parte do aumento das mortes por problemas cardíacos (as máis habituais en Galicia) poden ser atribuídas a infeccións respiratorias”.

Outros estudos confirman a relación entre o frío e a mortalidade. No 2009, unha investigación do Instituto de Salud Carlos III demostrou que o frío extremo causa 3,6 mortes ao día, fronte ás 3 de media que causa o exceso de calor. Unha situación que, nalgúns casos, vese agravada polo mal acondicionamento dalgunhas vivendas e a denominada ‘pobreza enerxética‘, que impide a moitos cidadáns manter a calefacción acesa durante longos períodos de tempo no inverno. Un problema que é máis grave nas rexións temperadas, como Galicia. Outro estudo, publicado en 2003, expón que o frío causa máis falecementos en países como España e Portugal, con edificios menos adaptados ao frío e persoas tamén menos adaptadas fisiolóxicamente a estas condicións extremas.

Tampouco deixa de ser reseñable que o mes con menos falecementos é setembro, aínda que as temperaturas xa comezan a baixar. Os expertos atribúen estes datos a que as vagas de calor, que se concentran sobre todo en xullo e agosto, provocan tamén problemas de saúde que poden levar á morte nas persoas que padecen patoloxías cardiovasculares e respiratorias.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.