Sudán tiña 45 anos –unha idade equivalente en humanos a 90 anos– e vivía na reserva OI Pejeta Conservancy en Quenia. Desde facía máis dun ano o rinoceronte sufría unha infección na pata, unha condición que, a pesares do tratamento e dos coidados, empeorou nas 24 horas anteriores á súa morte.
O equipo de veterinarios do Zoo Dvur Králové, Ol Pejeta e o Kenya Wildlife Service decidiu onte practicarlle a eutanasia para evitar o seu sufrimento.
Tras a súa morte, a subespecie só conta con dúas únicas sobreviventes. Trátase de dúas femias: a filla e a neta de Sudán. Pero en estado salvaxe a subespecie deuse por extinta en 2008 segundo a organización WWF.
Sudán foi o último rinoceronte branco do norte en nacer estado salvaxe. Estes rinocerontes, que habitaban en Uganda, República Central Africana, Sudán e Chad, foron aniquilados nos anos 70 e 80 durante a crise da caza furtiva, que se fixo masiva pola alta demanda de cornos para a medicina tradicional chinesa en Asia e para a fabricación de mangos de dagas en Iemen.
Os últimos exemplares en estado salvaxe foron asasinados na República Democrática do Congo a principios dos anos 2000. A última esperanza agora para preservar a esta subespecie é o desenvolvemento de técnicas de fertilización in vitro.