Sete ilusións ópticas que descontrolan o noso cerebro

Ilusión óptica da torre de Pisa. A da dereita semella máis inclinada.

A neurocientífica galega Susana Martínez-Conde dirixe o laboratorio de neurociencia da Universidade Estatal de Nova York e organiza cada ano, desde o 2005, o concurso ‘A ilusión do ano’, no que participan as mellores imaxes que enganan ao noso cerebro. Este campo, aínda que pareza máis próximo ao mundo do lecer, resulta moi atractivo para a ciencia porque as ilusións visuais, lonxe de ser erros da nosa percepción, poñen de relevo como funciona o noso cerebro. Esta é unha escolma das que gañaron nas últimas edicións do certame organizado por esta científica coruñesa afincada nos Estados Unidos.

A torre inclinada

Ilusión óptica da torre de Pisa. A da dereita semella máis inclinada.
Ilusión óptica da torre de Pisa. A da dereita semella máis inclinada.

A torre da dereita parece máis inclinada que a da esquerda (imaxe de arriba). Con todo, as dúas fotografías son iguais. O que acontece é que “o noso cerebro está a interpretar estas dúas imaxes coma se fosen diverxentes, porque ten en conta a perspectiva”, segundo explica Susana Martínez-Conde. Ao ver as fotografías das torres de Pisa “o noso cerebro interpreta que a razón de que non converxan é que non son paralelas, senón que diverxen”.

As figuras de xadrez

Todas as figuras de xadrez son iguais nesta imaxe.
Todas as figuras de xadrez son iguais nesta imaxe.

As figuras de xadrez desta imaxe son as mesmas e teñen a mesmo cor. O único que cambia son as nubes que hai no fondo e que fan que nos parezan figuras brancas detrás de nubes escuras ou figuras negras detrás de nubes claras. Trátase dunha ilusión de brillo. Segundo os expertos estas imaxes dan conta de que non existen os termos absolutos para o cerebro. É dicir, non hai un negro ou un branco, senón que todo depende do contexto e do que se compare.

Os círculos concéntricos

Estes círculos son concéntricos.
Estes círculos son concéntricos.

Estes círculos están creados con cadrados brancos e negros que se alternan en cor e en inclinación. É dicir, o cerebro recibe pistas que levan a inferir unha espiral, aínda que se trate de círculos.

Cal é mais grande?

Cal é máis grande?
Cal é máis grande?

O cerebro humano falla moito cando calcula lonxitudes e tamaños.Un exemplo é a ilusión de Jastrow, descuberta polo psicólogo estadounidense Joseph Jastrow en 1889. As dúas barras teñen o mesmo tamaño, aínda que non o pareza.

Branco e preto

Branco e negro... ou color?
Branco e negro… ou color?

A fatiga da retina é a causa desta ilusión óptica que nos permite ver unha imaxe en branco e negro como se fora en cor. Cando nos expoñemos a unha gran cantidade de luz dunha determinada cor, os conos que perciben esta luz fatíganse e deixan de responder por uns segundos. O que provoca, por exemplo, que podamos ver en cor a imaxe deste gif. Só hai que mirar o punto negro. E esperar.

Publicidade

Un punto que da chimpos

Semella que existe un punto negro que chimpa.
Semella que existe un punto negro que chimpa.

Esta ilusión da cuadrícula que corusca (creada por E. Lingelbach en 1994) fai que poidamos ver un punto que vai chimpando. Abonda con fixarse nunha das interseccións (calquera), para comprobar que non hai ningún punto negro. Aínda que… semella que existe e que se move.

Psicodelia

Psicodelia en movemento.
Psicodelia en movemento.

Esta ilusión é absolutamente psicodélica. Semella que estamos a ver un movemento que en realidade non existe. Unha vez máis, o noso cerebro interpreta a realidade coa información que recibe… e non sempre acerta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.