graficos

Oito gráficos sobre o avellentamento e o despoboamento en Galicia

O Instituto Galego de Estatística amosa en varios dos seus indicadores o notable cambio demográfico que está experimentando o país

Un dos gráficos, cos concellos que rexistraron menos de 10 nacementos en 2016.

Un dos gráficos, cos concellos que rexistraron menos de 10 nacementos en 2016.

Co avellentamento e o despoboamento, Galicia afronta un cambio demográfico que se acelerou nos últimos anos. Unha poboación envellecida, sobre todo nas zonas rurais, debido ao gran aumento da esperanza de vida, pero tamén ao descenso da natalidade. Unha parte do territorio que cada ano que pasa fica máis erma. Un terreo antes aproveitado para as actividades agrogandeiras, e que agora é menos produtivo, e queda tamén a mercé dos incendios.

É unha sociedade ben distinta á de hai 40 anos, cunha porcentaxe cada vez maior de anciáns, nun momento no que se pon en cuestión o futuro das pensións, e con persoas con dependencia. E, por outra banda, unha poboación moza cada vez menos numerosa; algúns emigraron fóra, e os que quedan, móvense moitas veces cara os principais núcleos de poboación, deixando atrás o fogar para a fin de semana e as vacacións.

Á espera de políticas efectivas para frear o despoboamento e atender mellor as necesidades desta nova sociedade que agroma, os datos poden axudar a comprender a situación. A través das cifras que recolle o Instituto Galego de Estatística, reparamos nalgúns dos indicadores que poñen negro sobre branco. Escollemos oito gráficos para amosalos:

Un mapa cada vez máis desigual

Desde o ano 1998 aceleráronse as diferenzas entre os concellos galegos. As zonas litorais, sobre todo as máis próximas ás áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, e tamén as das outras cidades, como Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol, incrementaron ou mantiveron a súa poboación. O mesmo aconteceu coas principais cabeceiras de comarca. Pero pola contra, a maior parte das provincias de Lugo e Ourense, e as comarcas do interior da Coruña, en menor medida, foron vendo como caía de xeito constante a súa poboación.

Os concellos con menos de 5.000 habitantes en 2017 representan máis dun 70% do total, a pesar de que se puxeron en marcha as primeiras fusións, como as de Cerdedo-Cotobade e Oza-Cesuras. A perda de habitantes supón para estes municipios un menor acceso aos recursos e, nalgúns casos, perda de servizos propios.

Evolución da poboación dos concellos entre 1998 e 2017.

Evolución da poboación dos concellos entre 1998 e 2017.

Porcentaxe de poboación por grupos de idade

No ano 1975, Galicia apenas tiña un 12,23% de maiores de 65 anos. E pola contra, 1 de cada 3 habitantes era menor de 20 anos. O panorama en 2016, 40 anos, virou completamente. Hoxe, 1 de cada 4 galegos é maior de 65 anos, mentres que a mocidade representa só o 15,82% dos habitantes do país. O que tamén pode ser unha nova positiva, debido ao aumento da esperanza de vida, convértese nunha preocupación debido á falta de relevo xeracional. Aquí, un dos gráficos que amosa a situación.

Idade media

Outro dos indicadores demográficos nos que se pode reparar é a idade media. Debido á importancia da distribución comarcal da poboación en Galicia, é relevante observar a evolución da idade media das comarcas do país. En 2002, só 9 das 53 comarcas tiña unha media superior aos 50 anos. En 2016, case a metade das comarcas (26) superaba esta cifra, e 20 delas pertencen ás provincias de Lugo e Ourense. E só tres delas (Soneira, Muros e Ortegal), están en zonas litorais.

Nota: preme en cada ano para ir vendo os cambios.

Se observamos a evolución desde 1975, a evidencia do avellentamento é aínda maior. Naquel ano, todas as provincias estaban por debaixo dos 40 anos de idade media. Ourense, hoxe en día a provincia máis avellentada, tiña naquel momento unha poboación máis nova ca Lugo, pero o maior pulo das comarcas da Mariña lucense acabou causando que hoxe Lugo estea por debaixo da provincia ourensá, que en 2016 superou por primeira vez na historia os 50 anos de idade media.

Pola contra, A Coruña e Pontevedra sitúanse por debaixo da media galega, moi semellante na actualidade á da provincia coruñesa.

Saldo vexetativo

Aínda que puidese parecer que as defuncións aumentaron notablemente nos últimos anos en Galicia, estas cifras son bastante sostidas. A clave do saldo vexetativo negativo está na caída da cantidade de nacementos. Mentres que en 1975 nacían case 44.000 bebés en Galicia, en 2016 apenas se superaron os 19.000 nacementos. Así, desde o ano 1986, Galicia ten saldo vexetativo negativo. Unha perda de poboación que só pode frearse cun saldo migratorio positivo, que en Galicia tamén é unha excepción.

Concellos con menos de 10 nacementos

O descenso de nacementos é especialmente acusado nos concellos do interior do país. Unha das claras mostras é a elevada cantidade de municipios que en 2016 rexistraron menos de 10 nacementos. Foron máis dun terzo (124 de 313).

Nota: achega o zoom para ver mellor os gráficos.

Índice de envellecemento

O índice de envellecemento (o número de maiores de 65 anos por cada 100 menores de 20 anos) é outro dos indicadores do avellentamento da poboación. Nas economías desenvolvidas, canta máis xente haxa en idade activa, maior adoita ser o dinamismo da sociedade. Neste caso, os datos desde 1975 tamén remarcan o crecemento da poboación anciá. Iso si, coma sempre, hai que ter en conta o matiz positivo do aumento da esperanza de vida.

Naquel ano, por cada 100 mozos e mozas menores de 20 anos, en calquera das catro provincias galegas había menos de 50 maiores de 65 anos. Pero co paso dos anos, a situación virou. A comezos dos 90, Lugo e Ourense sumaron por primeira vez máis poboación xubilada ca moza. A Coruña superou a barreira no 1999, e o conxunto de Galicia, no 2000. Finalmente, no 2007 Pontevedra sumou por primeira vez máis anciáns ca mozos. Hoxe, en Lugo e Ourense hai máis de dous maiores de 65 por cada menor de 20.

Gráficos da pirámide de poboación

Ao mirar os datos concello a concello, algunhas das diferenzas entre rural e urbano e entre a costa e o interior fanse máis evidentes. Para observar os gráficos da pirámide de poboación, comparamos Ames – concello da área metropolitana de Santiago, que experimentou un gran crecemento nos últimos dous decenios, cunha poboación moi nova- coa Fonsagrada, a cabeceira de comarca con maior idade media de Galicia, e que ademais é o concello con maior extensión de Galicia (438,45 quilómetros cadrados). Curiosamente, a comezos do século XX, A Fonsagrada era un dos concellos con maior poboación do país, con máis de 17.000 habitantes.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.