O enorme ‘flash’ da Terra a 150 millóns de quilómetros de distancia

O flash que desprendeu a Terra ao coincidir no campo de visión de Kepler. Imaxe: nasa.gov.

O telescopio Kepler é unha das misións da NASA á procura de exoplanetas, os corpos celestes que están fóra do Sistema Solar. Para detectar estes astros afastados, precisa unha lente e uns detectores moi sensibles a calquera cambio de intensidade na luz. Unhas características que, ás veces, permiten obter imaxes como a que estes días fixo pública a NASA. Un enorme flash que, de súpeto, ocupa gran parte do campo de visión do telescopio.

A imaxe foi tomada o 10 de decembro de 2017, despois de que Kepler axustase o seu telescopio a un novo campo de visión. Entón, a lente pasou xusto por diante da Terra, e o reflexo do noso planeta, ‘bastante próximo’, a ‘só’ 15o millóns de quilómetros de distancia, desprendeu un enorme flash que causou a impresión de que unha especie de sabre aparecera diante do telescopio.

Publicidade

A imaxe, segundo explica a NASA, demostra a capacidade dos sensores de luz do Kepler, deseñados para recoller os febles brillos dos planetas distantes. Algunhas das estrelas que o telescopio é capaz de detectar poden estar a centos de anos luz de distancia.

A fotografía do flash foi publicada pola NASA coincidindo co noveno aniversario da misión no espazo, o 7 de marzo. Ata o de agora, Kepler atopou 2.500 planetas e realizou numerosos achados sobre estrelas, supernovas e outros fenómenos que teñen lugar no espazo.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.