Segunda-deteccion-de-ondas-gravitacionales_image_380

Detectan por segunda vez ondas gravitacionais

Segunda-deteccion-de-ondas-gravitacionales_image_380

Os grandes cataclismos cósmicos non son fenómenos raros no Universo. Poucos meses despois do gran anuncio da primeira detección de ondas gravitacionais, o observatorio LIGO confirma que volveu rexistrar estas ondulacións do espazo-tempo. O segundo sinal chámase GW151226 e, como o primeiro, é froito da fusión de dous buracos negros hai 1.400 millóns de anos.

En febreiro deste ano o Observatorio por Interferometría Láser de Ondas Gravitacionais (LIGO), en Estados Unidos, anunciou que conseguira detectar por primeira vez estas distorsións espazo-temporais preditas por Einstein. O primeiro sinal, denominado GW150914, fora rexistrado o 14 de setembro de 2015 nos dous detectores xemelgos que ten este observatorio en Livingston (Louisiana) e Hanford (Washington). A súa orixe estaba na fusión de dous afastados buracos negros, segundo os científicos.

gravitywaves_imagelarge

Agora, os membros de LIGO informan de que o ano pasado tamén fixeron outra observación de ondas gravitacionais producidas pola colisión e unión doutro par de buracos negros (con 14 e 8 veces a masa do Sol), que acabaron formando unha soa estrela dunhas 21 masas solares. Durante a fusión, unha cantidade de enerxía máis ou menos equivalente á masa da nosa estrela converteuse en ondas gravitacionais.

O novo sinal chegou aos detectores o 26 de decembro do 2015 e mediuse 1,1 milisegundos antes no detector de Livingston que no de Hanford. Isto ofrece unha idea aproximada da posición da fonte no ceo, que os expertos sitúan a 1.400 millóns de anos luz de distancia.

“É moi significativo que estes buracos negros fosen moito menos masivos que os da primeira detección (cuxas masas eran 36 e 29 veces a do Sol)”, di Gabriela González, portavoz da colaboración científica LIGO e profesora de física e astronomía na Universidade do Estado de Louisiana.

A segunda medición revela que os grandes cataclismos cósmicos son bastante comúns

“Debido ás súas masas máis lixeiras, pasáron máis tempo -ao redor dun segundo- na banda sensible dos detectores”, engade a investigadora, quen destaca: “É un comezo prometedor para o estudo das poboacións dos buracos negros no noso universo”. Todo isto “marca o inicio da astronomía de ondas gravitacionais como un novo medio revolucionario para explorar novas fronteiras do noso universo, especialmente dos seus eventos máis escuros e enerxéticos”.

As ondas gravitacionais producidas por obxectos como un par de buracos negros estiran e comprimen o espazo-tempo a medida que se propagan a través do universo. Este efecto de estiramento e compresión, moi atenuado xa cando chega á Terra, é o que rexistraron os avanzados e sensibles detectores, chamados advanced-LIGO por ser unha versión mellorada dos de primeira xeración.

Algúns teñen comparado as ondas gravitacionais coa vibración da pel dun tambor, que sería neste caso o espazo-tempo do universo.

Aquí podes ler a nosa reportaxe
As ondas gravitacionais explicadas para principiantes

 

Unha resposta a “Detectan por segunda vez ondas gravitacionais”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.