Fotonautas CR7, a galaxia de Cristiano Ronaldo Por Redacción - 18/06/2015 FacebookTwitterLinkedinWhatsAppEmailCopy URL Utilizando o Very Large Telescope do ESO (European Southern Observatory), un equipo de astrónomos descubriu a galaxia máis brillante encontrada ata agora no universo temperán, achando ademais evidencias de que, axexando no seu interior, hai exemplares da primeira xeración de estrelas. Estes obxectos masivos, brillantes e puramente teóricos ata agora, foron os creadores dos primeiros elementos pesados da historia, os elementos necesarios para forxar as estrelas que nos rodean hoxe en día, dos planetas que as orbitan e da vida tal e como a coñecemos. A galaxia recén descuberta, alcumada CR7, é tres veces máis brillante que a galaxia distante máis brillante coñecida ata agora. O alcume de CR7 é a abreviatura de COSMOS Redshift 7, unha medida da súa situación en termos de tempo cósmico. Foi inspirado polo ‘galáctico’ futbolista portugués Cristiano Ronaldo, coñecido como CR7. Os astrónomos teorizaron durante moito tempo sobre a existencia dunha primeira xeración de estrelas —coñecida por estes como estrelas de poboación III— que naceron do material primordial do Big Bang. Todos os elementos químicos máis pesados (como osíxeno, nitróxeno, carbono e ferro, que son esenciais, para a vida) se forxaron no interior das estrelas. Isto significa que as primeiras estrelas deberon formarse a partir dos únicos elementos que existían antes das estrelas: hidróxeno, helio e trazas de litio. Estas estrelas de poboación III terían sido enormes (varios centos ou mesmo mil veces máis masivas que o Sol, ardentes e efémeras) e terían acabado explotando como supernovas despois de tan só uns dous millóns anos. Pero ata agora a busca da proba física da súa existencia non encontrara ningunha evidencia clara, informa a NASA. | Foto: ESO.