Chega unha das superlúas do século

superlúa de novembro

Cada vez que hai Lúa chea no perixeo, é dicir, cando o noso satélite está máis preto da Terra, podemos gozar dunha superlúa. A deste 14 de novembro será especial, porque se situará na súa posición máis próxima no que vai de século. Ata 2034 non acontecerá nada igual.

Este ano producíronse dúas superlúas (o 16 de setembro e o 16 de outubro) e proximamente haberá outras dúas: a deste luns, 14 de novembro, e outra o 14 de decembro. Pero, que é exactamente unha superlúa? A Lúa orbita ao redor da Terra cun período de aproximadamente 27 días, pero como durante ese tempo o noso planeta tamén se move ao redor do Sol, require un pouco máis de tempo, e a órbita luar é duns 29 días. Pero ademais, esta órbita non é circular, senón elíptica, cun punto denominado apoxeo onde a Lúa está máis afastada da Terra e outro máis próximo chamado perixeo. A superlúa acontece de 3 a 5 veces ao ano, cando ese perixeo coincide coa lúa chea.

Publicidade

Os científicos calcularon que no período de 5.000 anos que vai desde 1999 aC. ata o 3000, a distancia do perixeo lunar variaría desde 356.355 a 370.399 km, mentres que o apoxeo lunar variará de 404.042 a 406.725 km. En concreto, este 14 de novembro a Lúa estará a 356.523 km, a súa distancia máis preto da Terra no que vai de século. Aínda que isto acontecerá ao redor do medio día, o espectáculo astronómico poderase observar a noite anterior e posterior. Haberá que esperar ata o 25 de novembro de 2034 para que o noso satélite se aproxime aínda máis, a 356.448 km.

O diámetro aparente da Lúa aumenta un 14% e o seu brillo un 30% sobre o apoxeo

Durante as superlúas, o diámetro da Lúa chea pode aumentar ata nun 14% e o seu brillo ao redor dun 30%, respecto dunha lúa chea no apoxeo. Esta diferenza do 30% no brillo pode ser enmascarada doadamente polas nubes ou a contaminación lumínica das nosas vilas e cidades.

Publicidade

En realidade non hai regras flotando no ceo para medir os diámetros da Lúa, aínda que os científicos si teñen algunhas ferramentas para valoralo. “Calculamos o cambio angular aparente na Lúa chea”, sinala á axencia SINC o investigador Miquel Serra Ricart, do Instituto de Astrofísica de Canarias, quen sinala que a diferenza máxima de tamaño angular da Lúa chea entre o apoxeo e o perixeo (superlúa) é de 4 minutos de arco.

“Como referencia podemos tomar o tamaño que ocupa no ceo o noso dedo maimiño cando o observamos co brazo estendido, que é de sesenta minutos de arco. En media, a lúa chea ten un tamaño angular (diámetro aparente) de 30 minutos de arco: a metade do dedo maimiño”, explica o investigador.

Polo tanto, na situación máis favorable, unha superlúa terá un diámetro 4 minutos de arco maior que unha lúa chea no apoxeo, é dicir, de só a quinceava parte do tamaño angular do noso dedo maimiño. “Realmente moi difícil de distinguilo a primeira ollada”, recoñece o astrónomo.

Ás veces tamén se suxire que o incremento da atracción gravitatoria entre a Terra e a Lúa durante unha superlúa podería producir perturbacións xeolóxicas, como terremotos ou tsunamis, pero en realidade ese incremento é demasiado pequeno para causar eses efectos. O único efecto que se pode observar no noso planeta é que as mareas sexan un pouco máis vivas do habitual, ademais do espectáculo que supón gozar da Lúa en todo o seu esplendor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo na Artemis II: “Cando apareceu a misión no noso espectro foi unha celebración incrible”

O equipo de atlanTTic xerou dez terabytes de información en dez días de seguimento da cápsula Orión polo espazo profundo

A NASA revela as primeiras imaxes dende a cara oculta da Lúa

A tripulación da misión Artemis II captura fenómenos únicos como a 'posta da Terra', unha eclipse solar e detalles inéditos da superficie lunar

A tripulación de Artemis II pon rumbo á casa tras establecer o récord histórico de distancia coa Terra

A nave Orión atravesa a cara oculta da Lúa e establece unha nova referencia de afastamento de 406.733 quiómetros, superando en 6.000 a Apolo 13

Unha travesía á cara oculta da Lúa: estas son as mellores imaxes da misión Artemis

A tripulación afronta dez xornadas de voo profundo con fitos históricos, illamento de comunicacións e observacións inéditas do hemiferio non visible do satélite