O APOD é a foto do día da NASA, que se publica diariamente dende o 16 de xuño de 1995 para salientar unha imaxe astronómica do universo, tomada ás veces nos grandes observatorios e noutros casos por fotógrafos particulares. ‘A picture of the day’ é unha das iniciativas máis populares da axencia espacial, que se realiza en colaboración coa Universidade de Michigan. Ademais, é traducida a centos de idiomas. No caso galego, o astrofísico Dosi Veiga encárgase deste traballo, que tamén comparte en GCiencia, na sección APOD Galego.
Pero, nestes 22 anos de historia, hai unha foto do APOD que retratou Galicia. É a titulada ‘Conxunción triple sobre o Parque Nacional Galego’, que foi tomada polo astrofotógrafo Fernando Rey e que retrata unha aliñación de Venus, Xúpiter e a Lúa sobre as illas Cíes. A imaxe foi publicada pola nasa o 24 de xuño do 2015.