Venres 19 Abril 2024

A primavera máis chuviosa desde 1961 en Galicia

Despois de varios datos estacionais que remarcaban a seca e as altas temperaturas en Galicia, e tamén con cifras preocupantes a nivel global, con 400 meses consecutivos con temperaturas por riba da media, a primavera que acaba de rematar parece ser a excepción que confirma a regra. Segundo o avance do informe estacional de MeteoGalicia, que deu a coñecer a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta, María Cruz Ferreira, foi a primavera máis chuviosa desde o ano 1961.

O mes de marzo, co paso das borrascas Félix, Hugo e Gisele, rexistrou unhas chuvias dun 262% por riba do normal

Así, na primavera rexistráronse unhas precipitacións un 78% por riba do habitual para esta época do ano. A auga caeu con especial intensidade en marzo, que foi, segundo os criterios climatolóxicos, un mes “moi chuvioso e moi frío”, cun 262% de chuvias por riba do normal. Neste mes, no que pasaron as borrascas Félix, Gisele e Hugo, a precipitación da chuvia foi un 300% por riba do normal en gran parte de Galicia, e en zonas como a Terra Chá e a Baixa Limia, choveu ata máis dun 450% por riba da media. En total, en todos os puntos do país choveu, como pouco, 20 dos 30 días do mes (a media foi de 24,5 e nalgúns lugares chegou a 27). Nas estacións de Fornelos de Montes e Forcarei chegaron a recollerse acumulados de máis de 600 litros por metro cadrado.

Publicidade

A anomalía da temperatura foi, no conxunto do país, de -2,8ºC en marzo, chegando a acadar máis de 4,5ºC por debaixo do normal en lugares como Vilariño de Conso, A Mezquita, A Gudiña e Castrelo do Val. En ningunha zona de Galicia a anomalía foi positiva neste mes: a máis alta rexistrouse en Negueira de Muñiz (Lugo) con 0,8ºC por debaixo da media. Así, converteuse no mes de marzo máis frío desde 1984.

Nos meses de maio e abril, a situación foi máis variable, e alternáronse períodos moi fríos e húmidos con outros cálidos e secos. Porén, a intensidade dos episodios de frío e precipitacións de marzo provocaron que a estación, no seu conxunto, rexistrase os valores indicados.

Treboadas

Por outra banda, o sur de Galicia rexistrou este xoves na tarde-noite un episodio de intensas treboadas. O radar de MeteoGalicia captou máis de 3.700 raios, aínda que a maior parte deles foron rexistrados no norte de Portugal. Con todo, preto de 1.000 caeron sobre Galicia, deixando intensas chuvias, cun acumulado de máis de 10 litros/metro cadrado, no sur de Ourense.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

Por que é un erro falar de Galicia como ‘refuxio climático’ para atraer turismo

O turismo contribúe á emisión de gases contaminantes á atmosfera e os refuxios climáticos deben ser accesibles a toda a poboación

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península