Os eucaliptos están a esnaquizar o patrimonio arqueolóxico do norte de Lugo.

Os eucaliptos están a esnaquizar o patrimonio arqueolóxico do norte de Lugo.

Os eucaliptos esnaquizan 40 sitios arqueolóxicos do norte de Lugo

Adega e o colectivo Mariña Patrimonio denuncian desfeitas en castros e túmulos provocadas por plantacións masivas

 Corenta xacementos arqueolóxicos en municipios do norte de Lugo foron invadidos e presuntamente devorados polo avance sen pausa dos cultivos industriais de eucalipto. É a denuncia que ven de presentar o grupo galego de defensa ambiental ADEGA xunto coa asociación MariñaPatrimonio, que loita pola protección de bens cultuais.

Os danos ó patrimonio histórico-arqueolóxico están causados polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto. Non só se denuncia a plantación ou tala masiva , senón os danos que están a provocar as máquinas utilizadas para estes procesos. Esta maquinaria pesada ara enormes sucos, remove o terreo e ábrese paso trazando camiños forestais capaces de destruír as fortificacións defensivas dos castros.

A denuncia fíxose ante á Consellería de Cultura da Xunta e o Servizo de Protección da Natureza (Seprona)  e as dúas asociacións presentaron en conxunto un catálogo composto por fotos satélite das zonas afectadas. Un traballo que non resultou doado de facer.

O catálogo de denuncia presentou as fotos satélite do antes e do despois

O primeiro paso consistiu en conseguir o inventario no que a Xunta de Galicia rexistra os máis de 500 xacementos arqueolóxicos dos que ten constancia. Un documento, en teoría, público polo que levan esperando anos e do que só puideron conseguir os correspondentes ó norte de Lugo.

A segunda fase rexistrouse este verán cando ambos grupos comprobaron que as fotos aéreas do SigPac foran renovadas e que poderían servir como evidencia das agresións na paisaxe. Coñecidas as coordenadas dos xacementos, definidas nos devanditos documentos, introducíronse no sistema satélite e fíxose unha comparación entre as fotos de fai tres anos e os cambios sufridos nas fotos actuais.

Desta revisión, extraeron  unha lista provisional de 50 xacementos presuntamente invadidos, danados, varios deles arrasados, polas masivas plantacións de eucaliptos que proliferan na zona.

O seguinte paso consistiu en ir a comprobar de primeira man, sobre o terreo, se as sospeitosas desfeitas eran reais. Foron descartadas dez delas porque respectaban os enclaves protexidos, pero as 40 restantes confirmaban o descuberto coas fotografías. “Hai bestiadas por todos os lados”, resume Manuel Miranda, portavoz de MariñaPatrimonio, “e se a Xunta non nos fai caso, pediremos amparo á Unesco”.

Adega di que a metade dos sitios arqueolóxicos de Lugo están xa afectados

Unha vez finalizado este traballo, elaborouse un catálogo conxunto dos posibles danos ó patrimonio polas plantacións masivas de eucalipto, con descricións e imaxes do antes e o despois. Este catálogo presentóuselle á Xunta e nel incluíron finalmente dous sitios paleolíticos, 21 mámoas e 14 castros, ademais dun xacemento medieval e dous de carácter aínda indeterminado. Nas diferentes visitas atoparon cerámica feita cachizas, construcións defensivas non escavadas por arqueólogos que quedaron á intemperie e enterramentos atravesados por sucesivos sucos en liña. Os eucaliptos novos prosperan aquí e alá sobre escenarios teoricamente protexidos pola lei en municipios lucenses.

O último paso foi facer chegar ao departamento de Patrimonio de Lugo e ó Seprona estas denuncias. Catro decenas de xacementos engulidos por un cultivo, o eucalipto, que segue avanzando no territorio galego, impoñéndose á vexetación autóctona, sen que se coñeza a superficie real que xa conquistou.

Unha vez entregadas as denuncias, o obxectivo que teñen agora ambos grupos é o de traballar en común para seguir revisando a provincia de Lugo, empezando pola comarca da Terra Chá, máis ao sur. Ademais, se son capaces que conseguir o inventario arqueolóxico de toda Galicia, buscarán grupos de voluntarios galegos dispostos a contrastar o mapa de xacementos co SigPac e tentar destapar a totalidade de desfeitas histórico-arqueolóxicas provocadas polo avance sen control do eucalipto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.