neve

Neve e moito frío en media Galicia entre o domingo e o mércores

As predicións apuntan a que a cota de neve podería baixar ata os 300 metros o domingo e ata 100 na noite do martes ao mércores

Febreiro comezou con moito frío e neve en case toda Galicia. E podería ser peor, xa que o aire polar cargado de frío e humidade que chegará á península Ibérica entrará a través dos Pireneos, polo que as comunidades cantábricas serán as máis afectadas por este fenómeno. Así, a Axencia Estatal de Meteoroloxía xa emitiu un aviso especial por nevadas para a cornixa cantábrica. En Galicia, MeteoGalicia xa activou un aviso de nivel amarelo por nevadas nas montañas de Lugo e Ourense. Hai tamén alerta laranxa no litoral por ondas de máis de 5 metros.

Despois das nevadas desta pasada noite, que quedaron rexistradas no radar de MeteoGalicia, as predicións apuntan a que o sábado entrará por Galicia unha segunda fronte, con aire tamén frío e húmido, que aumentará a inestabilidade.

“É moi posible que o domingo pola mañá poidamos ver neve en cotas de 300-400 metros”, sinala Carlos F. Balseiro, de 4gotas. A cota, con todo, subirá pronto, pero o frío non marchará.

Está por vir aínda unha entrada sucesiva de masas de aire frío. Algunhas delas serán secas, pero outras entrarán polo mar e traerán humidade. Con este panorama, “desde o domingo haberá neve, ou polo menos as condicións propicias para que a haxa, a partir de 600-700 metros”, explica o meteorólogo.

Martes e mércores, neve a 100 ou 200 metros

A metade de semana chegarán os días con maior probabilidade de neve en cotas baixas. Haberá unha masa excepcionalmente fría, que faría posible a presenza de nevadas a 200 metros, incluso 100.

Mínimas de -12ºC

Este aire frío, alén da neve, deixará temperaturas excepcionalmente frías. “Xa este domingo, nas zonas altas de Manzaneda e Valdeorras podería chegarse aos -8ºC ou -10ºC, e na Veiga, ata -12ºC, e as máximas nestes puntos non pasarán dos -5ºC“, sinala Carlos F. Balseiro.

Mais lonxe da alta montaña tamén haberá temperaturas moi frías. Así, agárdase que en Lugo ou Lalín non se superen os 5ºC de máxima.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.