Situación de Ophelia na medianoite do domingo ao luns, segundo o modelo ECMWF. Fonte: eltiempo.com.

Situación de Ophelia na medianoite do domingo ao luns, segundo o modelo ECMWF. Fonte: eltiempo.com.

Furacán Ophelia en Galicia: preguntas e respostas

Agora mesmo é un furacán de categoría 2 e está ao sueste das Azores, pero chegará a Galicia coma un temporal dos 'habituais'

A medida que se acerca o domingo, día do máximo achegamento do furacán Ophelia a Galicia, redúcese a incerteza sobre a súa traxectoria e a forza que trae consigo, xa que a predición pode ser cada vez máis exacta. Non en tanto, a lóxica inquedanza que xera a palabra ‘furacán’ obriga a analizar polo miúdo todo o que rodea a Ophelia. Para saber máis, falamos con Carlos Fernández Balseiro, de 4gotas.com, que está seguindo moi de preto a evolución do fenómeno.

– Onde está agora Ophelia?

Na madrugada do xoves ao venres, Ophelia converteuse nun furacán de categoría 2, e sigue estacionario, movéndose pouco, ao sueste das illas Azores. Está a deixar “ventos sostidos duns 165 km/h e unha presión mínima no seu centro de 970 mb”, explica Carlos Fernández.

– Pero vai afectar moito a Galicia?

Apenas notaremos as consecuencias de Ofelia”, subliña Fernández Balseiro. “É un sistema moi pequeniño e pasará o suficientemente afastado da costa como para enterarnos do seu paso”. Iso si, algo de inestabilidade haberá. Os refachos poderán chegar aos 110 km/h na Costa da Morte, puntos altos do litoral oeste e as montañas máis altas de Galicia. “É dicir, un temporal de vento, pero nada que non sufriramos centos de veces no outono e inverno”, conclúe o meteorólogo de 4gotas. Sobre a chuvia, haberá algo de precipitacións na madrugada do domingo e na mañá do luns, “pero pouca cousa”.

Iso si, en alta mar, a situación vai ser complicada. A medida que avance cara o noreste, segundo informa a Aemet, os ventos poderían alcanzar os 140 km/h na zona marítima de Charcot e no oeste da zona de Finisterre, con mar montañosa e precipitacións moi intensas.

– É ‘normal’ un furacán nestas latitudes?

“É un movemento moi pouco habitual“, di Fernández. “Formouse no corredor onde se forman todos os furacáns, pero a presenza anticiclónica sobre Centroeuropa, no canto de estar sobre os Azores, propiciou a falta de ventos alisios que o transportasen cara ao Caribe e por contra facilitan que comece a desprazarse impulsada polos ventos do sudoeste cara a Galicia”. É dicir, é unha consecuencia da atípica e longa situación anticiclónica sobre Galicia, coa posición do anticiclón entre o Cantábrico e Centroeuropa.

– E despois, que pasará?

O sistema de Ophelia empurrará ao anticiclón cara o leste de Europa, e así poderíase propiciar a entrada de máis borrascas atlánticas en Galicia. Non en tanto, “nos últimos prognósticos que estamos analizando – di Fernández – o anticiclón das Azores volvería coller forza, ascendería un chisco e volvería a asentarse ao noroeste de Galicia”. Así, só nos chegaría a chuvia que traerá consigo Ophelia, e “despois parece que teremos varios días sen chuvia, aínda que é moi posible que na derradeira semana do mes teñamos varios episodios de chuvias”, conclúe Balseiro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.