Embalse de Eiras, do que se abastece a cidade de Vigo. Imaxe: Gabriel González / CC BY 2.0.

Embalse de Eiras, do que se abastece a cidade de Vigo. Imaxe: Gabriel González / CC BY 2.0.

Declarada a alerta por seca en Galicia

As bacías que bañan a maior parte do territorio teñen niveis de caudal preocupantes, no que é "o ano máis seco da historia"

A prolongada escaseza de precipitacións que vive Galicia, cun dos anos máis secos desde que existen rexistros, provocou finalmente que se active a alerta por seca en amplas zonas do país. Así, a alerta decrétase na totalidade da conca do Miño-Sil, que ocupa arredor da metade do territorio galego, e en seis dos 19 sistemas da bacía Galicia-Costa, á que pertencen o resto de ríos que desembocan no mar e os seus afluentes. Así, o territorio afectado abrangue a gran parte de Galicia, entre elas, varias cidades, como Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo.

A bacía Miño-Sil, en alerta, ocupa arredor da metade do territorio galego. Fonte: chminosil.es.

A bacía Miño-Sil, en alerta, ocupa arredor da metade do territorio galego. Fonte: chminosil.es.

Segundo o Plan de Seca publicado en 2013 por Augas de Galicia, éntrase nesta fase ” cando é necesario poñer en marcha medidas de conservación do recurso e de xestión da demanda que permitan o seu mantemento con aplicación das medidas de aforro pertinentes”, É a etapa previa ao estado de emerxencia, que se activa “cando é ineludible a aplicación de medidas excepcionais”.

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, cualifica a situación de “nunca vista” ata o de agora nos ríos da conca, no “ano máis seco da historia” desde que se teñen rexistros. Nunha comparecencia ofrecida á saída da reunion da Oficina Técnica da Seca, Marín destacou que nas zonas non reguladas por encoros, a escaseza de auga é especialmente preocupante: o Miño en Lugo leva un 59% menos de auga que a media desta época, e o Lor, un 69% menos. Na parte alta do Sil, na comarca do Bierzo, a situación tamén é complicada.
Nos encoros, aínda que o nivel non obriga por agora a tomar restriccións severas, o nivel actual é do 44,5%, trece puntos por debaixo da media para esta época do ano, segundo sinalou Francisco Marín, que dirixe o organismo adscrito ao Ministerio de Medio Ambiente.

En Lugo, o Miño leva un 59% menos de auga que o normal

Pola súa parte, Augas de Galicia, que se encarga do seguimento os sistemas hidrográficos da bacía Galicia-Costa, anunciou tamén que a partir do vindeiro venres farase efectiva a alerta por seca en seis dos 19 sistemas. Así o anunciou o director do ente, Roberto Rodríguez, na mañá do martes. As zonas afectadas correspóndense aos sistemas 1 (conca dos ríos Verdugo, Baíña e Lagares), 2 (ríos de Oia e O Rosal), 7 (río Xallas), 8 (río Castro), 11 (río Mero, Arteixo e ría da Coruña) e 12 (río Mandeo e ría de Betanzos). Ademais, segundo informou a Xunta, acordouse realizar tamén un especial seguimento ás bacías do Lérez e do Ulla, que continuarán en situación de prealerta.

A decisión de decretar a alerta na demarcación Galicia-Costa débese tamén aos baixos niveis dos caudais, con valores por debaixo do 50%, sensiblemente menores que os rexistros normais para esta época.

Medidas contra a seca

Segundo subliña a Xunta, entre as medidas que se tomarán están “a intensificación dos controis de caudal, que pasarán a ser semanais, incrementar a coordinación entre as distintas administracións e establecer contactos continuos cos concellos afectados”.

Ademais, segundo sinalou o director de Augas de Galicia, a Xunta tamén poderá tomar “medidas sobre posibles axustes no réxime de explotación dos encoros e dos caudais ecolóxicos dos ríos e proceder á adopción de medidas orientadas á axilización das autorizacións de captacións alternativas que sexan necesarias para paliar posibles efectos da seca nunha determinada poboación”.

Non en tanto, por agora, o abastecemento á poboación está garantido, aínda que Roberto Rodríguez quixo apelar “a facer un uso comedido dos recursos”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.