Manga mariña. Imaxe: Jef Nickerson / CC BY-SA 2.0.

Manga mariña. Imaxe: Jef Nickerson / CC BY-SA 2.0.

Como se crea a manga mariña?

Este fenómeno, semellante a un tornado, sorprendeu aos veciños da costa galega na mañá deste mércores

Na mañá deste mércores, moitos habitantes da costa galega ficaron sorprendidos cara o mar ao ver unha especie de tornado sobre a auga do Atlántico. En Sanxenxo, O Grove ou Muxía hai imaxes do fenómeno, coñecido tecnicamente como manga mariña. Mesmo chegou a tocar terra, causando danos no colexio de Noalla e nalgunhas vivendas da parroquia de Vilalonga.

A situación era “moi propicia para a aparición destes fenómenos”, conta Carlos Fernández Balseiro, de 4gotas.com. O radar de MeteoGalicia detectou a primeira hora da mañá varios puntos con precipitacións moi intensas que, unha vez comprobadas as fotografías enviadas a través das redes sociais, se poderían corresponder co unha manga mariña.

Segundo a información aportada polo radar e as fotografías, María Souto, de MeteoGalicia, conta que dúas das zonas que no radar aparecen en vermello, sinónimo de chuvia intensa, se corresponden coa formación deste tipo de fenómenos: un que entrou por Sanxenxo e chegou terra adentro ata Cerdedo e Cotobade, e outro que pasou pola zona de Noalla ata o lugar do Freixo, tamén no Salnés. É posible que outra dos núcleos de chuvias fortes, localizado na costa de Muxía, se correspondese con outra manga mariña que citaba o portal Que pasa na costa.

O fenómeno é “relativamente frecuente, pois case todos os anos hai algunha”, explica María Souto. “Por unha banda había aire frío en altura, e nubes en forma de cumuloninbo – cun gran desenvolvemento vertical-, e ademais formouse unha pequena borrasca a carón da costa”, explica Souto.

É un fenómeno “relativamente frecuente” que acontece todos os anos

Deste xeito, “os chaparróns tan violentos arrastran ese aire frío cara a superficie e xeran unhas diferenzas de temperatura moi altas en zonas moi concretas, polo que o vento ten que compensalas”, engade Carlos Fernández Balseiro.

Como consecuencia, o chaparrón “sae dunha nube de tormenta e provoca un funil que comeza a enroscarse debido ao vento”, mesmo podendo chegar a terra, conta o responsable de 4gotas.

Así foi como, esta mañá, as mangas mariñas se transformaron durante un breve periodo de tempo en tornados ao tocar terra. Iso si, de categoría 0, nada comparable co que se pode ver nas chairas dos Estados Unidos. “A pouquiño que a manga mariña toque terra e atope con algo, perde a rotación e desfaise”, apunta Fernández Balseiro.

O meteorólogo pon como exemplo o que acontece no interior dunha taza ao remexer cunha culler: “Comezamos a remexer de xeito intenso e xeramos esa ‘tuba’, pero a pouco que rompemos o xiro cun momento transversal, rompemos axiña ese tubo”.

 

 

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.