Logo da campaña para recuperar os nomes tradicionais dos días da semana.

Logo da campaña para recuperar os nomes tradicionais dos días da semana.

‘Nós feiramos de segunda a sexta’, a campaña para recuperar “os días da semana tradicionais”

Varias entidades lanzan unha iniciativa para promover o uso das formas empregadas en galego “ata ben entrado o século XX”

Segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira, sábado e domingo. Así se nomeaban, “até ben entrado o século XX”, os días da semana en galego. Este é o motivo polo que A Mesa pola Normalización Lingüística e a Associaçom Galega da Língua (AGAL), xunto coa Fundación Vía Galego, impulsan neste 2018 a campaña “Nós feiramos de segunda a sexta”, para recuperar “os días da semana tradicionais”.

Estas denominacións, segundo sinalan as entidades impulsoras da iniciativa, “foron caendo no esquecemento cando na escola se comezaron a promover outras formas que, aínda que tamén fosen xenuínas nunha zona máis pequena do noso territorio oriental, en xeral eran produto da adaptación fonética dos días casteláns: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo”.

Nalgunhas zonas de Galicia, as persoas de maior idade aínda lembran a utilización dos termos empregados polos países da lusofonía, tal e como amosa a web feirando.gal, desde donde se amosa información lingüística e histórica sobre os días da semana, amais dunha unidade didáctica encamiñada a alumnos e alumnas de Primaria. Neste mesmo senso, a Real Academia Galega aínda recolle dentro da súa normativa oficial as formas que tamén emprega o portugués.

“É fundamental que saiban que temos forza para recuperar as nosas palabras aínda que sexa no límite da desmemoria. No caso concreto dos días da semana, a súa revitalización sería moi motivadora, porque afecta unha serie de palabras usadas diariamente por calquera persoa”, sinalan desde A Mesa e AGAL.

Os motivos

As entidades engaden a estas razóns outros motivos cos que queren animar á cidadanía galega a apoiar á campaña “Nós feiramos de segunda a sexta”. Así, destacan que “é un sistema lexical moi emblemático dos países lusófonos, despertando o noso orgullo pola pertenza a este tronco lingüístico e pola capacidade comunicativa do galego no mundo”, “moi relevante na nosa historia lingüística e política, pois o seu nacemento está intimamente vinculado ao Reino da Galiza (Galliciense Regnum) dos séculos V e VI”, e “é un sistema único do galego-portugués entre todas as linguas do mundo”.

Vídeo musical


Alén da campaña centrada nas redes sociais e os medios dixitais, a iniciativa está dirixida ás crianzas. Deste xeito, a banda Mamá Cabra compuxo a canción Na segunda feira, “co obxectivo de facilitar ás crianzas a aprendizaxe dos días da semana entre outros tesouros de que andan á procura”, explican os impulsores da iniciativa.

Tamén se editarán chapas, manteis de mesa infantís e un calendario que xa está a ser distribuído polos organismos promotores da campaña.

Unha resposta a “‘Nós feiramos de segunda a sexta’, a campaña para recuperar “os días da semana tradicionais””

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.