Diferenzas de temperatura de 2017 respecto á media 1981-2010. Fonte: WMO.

Diferenzas de temperatura de 2017 respecto á media 1981-2010. Fonte: WMO.

2015, 2016 e 2017, os anos máis cálidos desde que existen rexistros

A NASA e a Organización Meteorolóxica Mundial confirman que os últimos tres anos tiveron temperaturas máis de 1ºC por riba da media da era preindustrial

A Organización Meteorolóxica Mundial (WMO), organismo dependente da ONU, e a NASA confirmaron esta semana que o 2017 foi un dos tres anos máis cálidos desde que se teñen rexistros. Os outros foron 2016 e 2015, o que confirma unha tendencia de aumento global da temperatura.

Segundo informou a WMO, baseándose nunha análise dos cinco mellores conxuntos internacionais de datos, no 2017 a temperatura media mundial superou en 1,1ºC á media da era preindustrial. O ano máis cálido foi 2016, cunha media 1,2ºC superior, mentres que 2015 tivo unhas temperaturas moi semellantes a 2017.

Este gráfico, elaborado pola NASA, amosa que 2016, 2015 e 2014 foron os anos cunha maior temperatura respecto á media anual de 1880 a 2015.


A propia axencia espacial estadounidense confirmou o que xa apuntaba a WMO, dicindo que “a temperatura global da superficie da Terra en 2017 é a segunda máis cálida desde 1880“, segundo os datos recollidos por científicos do Goddard Institute for Space Studies (GISS). Outra análise da National Oceanic and Atmospheric Administration (NOAA) sinala que o 2017 foi o terceiro máis cálido segundo os seus rexistros. A diferenza débese aos diferentes métodos de análise, que fan oscilar os datos entre 2015 e 2017. Con todo, non hai dúbida de que ambos foron, xunto a 2016, os máis calorosos da historia.

“A tendencia da temperatura a longo prazo é moito máis importante que a temperatura de cada ano, e esa tendencia é de alza”, sinalou o secretario xeral da WMO, Petteri Taalas. “Dos 18 anos máis calorosos dos que se teñen datos, 17 rexistráronse neste século, e o grao de quecemento nos últimos tres anos foi excepcional. A calor no Ártico foi especialmente intensa, o que terá repercusións profundas e duradeiras no nivel do mar e nas características meteorolóxicas doutras partes do mundo”, concluíu Taalas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.