Xoves 28 Marzo 2024

Universidade e empresarios impulsan a I+D en Ourense

Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense lanzan o Proxecto b2i, un programa no que, en colaboración co Igape, búscase “impulsar iniciativas de investigación e desenvolvemento nos ámbitos da industria 4.0 e da economía circular”. Ao longo deste ano entre 20 e 30 empresas ourensás traballarán man a man con grupos de investigación, principalmente pero non só do campus de Ourense, no desenvolvemento de pequenas e grandes ideas. A finalidade última é dar un salto cualitativo na relación empresa-universidade e converter esta relación en estrutural e permanente e non só puntual.

O proxecto contará coas achegas dos grupos de investigación do campus de Ourense

A xornada de presentación desta iniciativa tivo lugar na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) a cargo de José Manuel Pérez, presidente desta entidade, e Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. Virxilio Rodríguez recalcou como sendo un dos retos da institución académica estreitar os lazos co tecido empresarial, b2i permitirá “ás empresas atopar respostas nos nosos grupos de investigación” e dar “estabilidade e solidez” ás relacións entre os dous axentes en beneficio último da sociedade. Do programa, Pérez Canal salientou o seu desexo de que “sexa o xermolo de novos proxectos empresariais” en dous sectores de futuro como son os elixidos para esta iniciativa. O programa agora presentado, subliñaron os responsables institucionais, é froito do convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense e da unidade mixta de traballo creada ao seu abeiro.

Publicidade

Francisco Javier Rodríguez, delegado da Área de Transferencia do Campus da Auga e coordinador deste programa, foi o encargado de presentar en detalle unha iniciativa da que destacou que nace “porque queremos chegar ás empresas e queremos facelo cunha metodoloxía” que supoña un salto nas actuais relacións entre empresa e universidade e rache as barreiras entre ambos sectores. Para participar nesta iniciativa, que ten vocación de continuidade, Rodríguez Martínez recalcou que “non fan falta superideas” senón que se abordarán pequenas e grandes ideas cunha metodoloxía adaptada ás necesidades de cada caso.

Segundo explicou o tamén director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, aínda que non se desestiman outros ámbitos, os eidos de actuación elixidos para esta primeira edición do programa son a industria 4.0, centrada na crecente dixitalización e coordinación cooperativa en todas as unidades produtivas da economía, e a economía circular, que promove a produción de bens e servizos de maneira sustentable, reducindo o consumo, o tempo, as fontes de enerxía e os desperdicios. No caso da economía circular, engadiu Francisco Javier Rodríguez, ten incidencia ademais o feito de que “un dos alicerces neste modelo básico para a industria da nosa contorna é o ciclo da auga”, cuestión de interese para o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga.

Cada idea dos empresarios será apoiada polos grupos do campus. Imaxe: Duvi.
Cada idea dos empresarios será apoiada polos grupos do campus. Imaxe: Duvi.

As empresas participantes, matizou o responsable do proxecto, non teñen que pertencer a algún destes dous ámbitos senón querer desenvolver proxectos neste eidos. Esta elección temática, apuntou, débese ao desexo do programa de concretizar o seu mapa de acción para ser máis eficiente, ao auxe destes dous ámbitos, ao perfil do sector produtivo ourensán e sobre todo a que na industria 4.0 e a economía circular “é a onde está evolucionando gran parte das axudas nun amplo espectro”, desde o contexto autonómico ao europeo. Así apuntou como o Proxecto b2i se focalizará en desenvolver ideas que poidan acceder a axudas, subvencións e outras vantaxes económicas.

A metodoloxía deseñada para este achegamento ao sector empresarial divídese en varias fases, segundo indicaron os seus responsables. Primeiro seleccionaranse entre 20 e 30 empresas para participar no proxecto e que participarán nunha diagnose empresarial inicial, con visitas de técnicos da CEO e da Universidade para solicitar información, identificar necesidades e expor posibles proxectos. Para cada bloque de necesidades empresariais realizarase unha procura de solucións ou propostas entre os grupos de investigación, principalmente do campus de Ourense pero tamén doutros campus da Universidade de Vigo ou de fóra dela. Tamén se levarán a cabo diferentes xornadas de traballo en cada un dos ámbitos de actuación. Dada as especificidades propias de cada empresa e os seus distintos graos de madurez en canto a I+D+i, durante o proceso de selección estruturaranse as empresas en grupos acordes á súa dimensión e obxectivos.

Aos empresarios e empresarias presentes no lanzamento desta iniciativa, José Manuel Fernández, xerente de Competitividade do Igape, explicoulles os apoios que ofrece o Igape en industria 4.0 e en economía circular. Fernández salientou como as empresas se enfrontan na actualidade a un contexto no que deben modificar o seu modelo de negocio tendo en conta os procesos que se están producindo de “servitización”, de conversión da industria en servizos; de “customización”, cuns clientes cada vez máis esixentes na personalización dos servizos, e de conectividade global. Estas tendencias, apuntou, abren novas oportunidades e tamén obrigan a un novo enfoque 4.0, contexto no cal se insiren iniciativas como a presentada este venres na CEO. Por último, para “motivar” ás e aos posibles participantes nesta iniciativa amosándolle experiencias reais de empresas que xa participan en proxectos de industria 4.0 e economía circular, a xornada contou coa intervención de José Piñeiro, de Kiwi Atlántico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%