A necesidade de mellorar o control ambiental, a eficiencia enerxética e económica e o benestar animal son varias das principais preocupacións dos empresarios avícolas. En Galicia, o sector conta cun importante pulo, con grandes empresas dedicadas á avicultura. Para afrontar do mellor xeito posible a atención integral ás explotacións, un grupo de enxeñeiros e profesionais da tecnoloxía, a industria, a agricultura e a gandería puxo en marcha en 2015 a empresa Sinergia G6, actualmente situada no polígono da Granxa, no Porriño.
Un dos produtos pioneiros desta compañía é o Aircheck5sw, o primeiro dispositivo a nivel mundial que mide, rexistra e almacena datos sobre os niveis de amoníaco (NH3) no interior das granxas. Deste xeito, é posible controlar en tempo real varios parámetros de produción e contribuír, ao mesmo tempo, ao benestar dos animais e á redución de emisións de amoníaco ao medio ambiente, segundo destacan desde a empresa.
Entre outros servizos, Sinergia G6 tamén ofrece sistemas de seguimento sobre a evolución do peso dos animais, o contido dos silos de alimento e as condicións óptimas no transporte das aves da incubadora á granxa. Todos estes sistemas poden ser controlados desde un portal web denominado FarmsCloud.
O director técnico da empresa, Manuel Portela González, sinala que “os nosos produtos permiten aos produtores avícolas acceder, por fin, á gandaría de precisión”. Pola súa parte, o director xeral, Roberto Goñi Petit, resalta que “o sector agrogandeiro demanda innovación tecnolóxica para maximizar marxes e potenciar a competitividade”.
Os avances acadados desde a súa creación xa lle deron á empresa algún recoñecemento, como o premio Galicia Emprende na categoría Industrial e un posto finalista nos premios Clúster TIC Galicia 2015.
Nos vindeiros días, entre o 28 e o 31 de marzo, representantes da empresa acudirán á Feira de Produción Animal (FIGAN) de Zaragoza, onde procurarán aumentar a súa rede de contactos profesionais.