alexa-ranking-maio-portada

Ciencia entre xigantes

Ás 12,00 do 25 de novembro de 2013, un foguete que durante semanas simbolizou unha conta atrás despegou virtualmente da pantalla do ordenador para ilustrar o nacemento de GCiencia. Non foi casualidade que o primeiro contido de apertura fose a entrevista co deputado galego que cambiou a política por un postdoutorado en Copenhaguen, un símbolo dos tempos que lle toca vivir á investigación. Como tampouco son froito do azar as dúas características que definen a este novo medio de comunicación: en formato web, que veu a revolucionar aos medios tradicionais; e sobre ciencia, anticipo da inevitable especialización que se enxerga na fragmentación das audiencias.

gciencia-alexa-maio-2014Pois ben. Transcorridos seis meses daquel despegue, esta modesta web sobre ciencia galega conseguiu un fito polo que moi poucos tivesen apostado no momento da súa creación: facerse un oco entre os dez principais medios de comunicación de Galicia en Internet. Así o reflicte o ranking Alexa, que facilita o índice máis fiable para medir a cantidade e a calidade do tráfico dunha web. Como se pode observar nas clasificacións que publica websgalicia.com, GCiencia ocupa o posto número 28 do total de páxinas de Galicia, incluídas as de xigantes comerciais ou institucionais como Zara, a Xunta ou o Banco Pastor.

Non só somos o terceiro medio nativo dixital mellor situado de Galicia, a moi pouca distancia do segundo, senón que superamos amplamente as versións dixitais de xornais cunha estrutura empresarial consolidada como Atlántico Diario, Diario de Arousa ou El Ideal Gallego. As entradas na nosa revista dixital abranguen a práctica totalidade de países do mundo, con noticias cuxas visitas se contaron por decenas de miles. A web da ciencia galega é, a 26 de maio, a 2.543 de España e a 107.422 do mundo segundo Alexa, e acumula máis dun centenar de sitios de enlace.

Pero sobre todo, os que facemos GCiencia sentímonos orgullosos da fidelidade dos nosos lectores, que manteñen un chan no noso tráfico que nin imaxinabamos cando decidimos apostar por este proxecto. Esa é quizais a clave de que se incumprise o morboso vaticinio do “isto non vai prender” ao que tan afeitos estamos os xornalistas, e ao que desafiaba o decano do colexio profesional de Galicia, Xosé Pereiro, nun artigo que nos acompañou aquel 25 de novembro que comeza a parecer afastado.

GCiencia prendeu. Para conseguilo foi necesario traballo, moitísimo traballo. Pero tamén romanticismo, achegado polos que cren que o periodismo aínda é posible. Coa ferramenta do periodismo como activo, principalmente no xénero da reportaxe, esta web está a demostrar o enorme interese que existe en Galicia pola ciencia, pero tamén o extraordinario potencial dos nosos científicos e investigadores, dispostos a abandonar o cómodo escano dun Parlamento autonómico para poder desenvolver a súa auténtica vocación ata as súas últimas consecuencias.

Centos de reportaxes foron publicadas en GCiencia, a pesar de desenvolver o seu traballo nunha fase que aínda se podería cualificar de beta. Ao longo destes seis meses fomos enriquecendo a web con novas sección. É o caso de Perspectivas, que actúa como un agregador de contidos; Bitácoras GC, onde os afeccionados falan de ciencia e os científicos do que lles peta, ou Fotonautas, unha fiestra á fotografía sen limitacións xeográficas. Tamén puxemos en marcha, co patrocinio de La Caixa e a colaboración das tres universidades galegas, o I Premio Universitario “Contar a ciencia”, onde un grupo de estudantes previamente seleccionados analizan a través de reportaxes algunhas das investigacións que se realizan nos campus das súas propias universidades.

Estamos lonxe aínda de alcanzar a nosa meta de converternos nun medio totalmente trilingüe, para cumprir así o obxectivo de expandir o traballo dos nosos investigadores ata as súas últimas consecuencias, pero loitaremos para conseguilo. Tamén está na nosa axenda incrementar a produción de información propia, ampliar a rede de colaboradores, saír da web á rúa para achegar a ciencia aos cidadáns, contribuír á divulgación científica a través de simposios e xornadas, crear novas seccións… Crecer, en definitiva. Estamos convencidos de que o apoio que recibimos neste primeiro medio ano de vida, que nos permitiu asegurar que unha web especializada en ciencia é un obxectivo posible e sostible, se incrementará nesta nova etapa para consolidar un proxecto que, malia os seus incontestables logros, aínda non fixo máis que despegar.

alexa-ranking-maio

Ler en español.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.