CabeceraFB06 - copia

Ciencia e xornalismo

Ás 12 horas deste 25 de novembro, o mes da ciencia por excelencia, GCiencia cumpre tres anos de existencia. O que comezou como unha aventura incerta para explorar as posibilidades da combinación de ciencia e xornalismo é hoxe un proxecto consolidado, como avalan os millóns de visitas recibidas, a crecente comunidade de seguidores e o prestixio que, modestamente, este portal cre terse granxeado durante este tempo. Non é un mérito dos que traballamos no proxecto, senón a constatación de que a ciencia e a tecnoloxía en xeral, e as de Galicia en particular, merecen un esforzo divulgativo que os medios de comunicación estaban a negar.

Vaia a autocrítica por diante: a ciencia foi tradicionalmente a irmá menor na categorización informativa feita por nós, os xornalistas. Uns cantos lustros atrás non habería espazo nas primeiras páxinas dos xornais para o maior dos achados científicos que caiba imaxinar, especialmente na España que saía da transición sen deixar de mirarse no embigo da política. Esa identificación entre xornalismo e política vai quedando atrás, e hoxe, coa fragmentación informativa que supuxo a irrupción do xornalismo dixital, quedou reducida a simple anacronismo.

A aventura incerta que era GCiencia hai tres anos é hoxe un proxecto consolidado

Son outros os perigos que axexan ao xornalismo da nova época e á divulgación científica desde os medios. Non é o menor deles a cuantificación das noticias, que xa non son mellores ou peores pola súa transcendencia, senón polo número de clics. Imponse nas redaccións dos medios o clickbait, os titulares sensacionalistas a modo de cebo que lonxe de satisfacer a curiosidade do lector, só proporcionan a información necesaria para excitala. Por iso en GCiencia estamos dobremente satisfeitos: en tres anos, o portal da ciencia galega non só é un dos dixitais máis lidos de Galicia, se non o que máis. E que ademais o logrou ofrecendo respostas nos seus enunciados e rigor nos seus contidos.

Así é como o portal da ciencia galega ten conseguido a súa implantación e forxar a maior comunidade en redes sociais de todos os dixitais de Galicia. O é de forma especial en Facebook, con case 25.000 seguidores, crecendo a un ritmo de 1.000 ao mes e especialmente activos. GCiencia publicou nestes tres anos máis de 4.500 artigos, na súa maioría reportaxes, aínda que tamén entrevistas, tribunas de opinión, programas de radio, blogues e seccións de vídeos e fotografías. Inclúense nesa cifra os audiovisuais de produción propia sobre distintos aspectos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía que se emiten desde a canle GCiencia TV. Entre as firmas que se poden ler no portal da ciencia galega atópanse as de investigadores de primeira orde como Ángel Carracero, Antonio Figueras, Mar Capeáns, Miguel Ángel Ríos, David Posada, Roberto Agis Balboa, Ángel Guerra Sierra e Alicia Estévez Toranzo, entre outros.

GCiencia envorcou os seus esforzos nun xornalismo de calidade, tan ameno como rigoroso

Co galego sempre como idioma de referencia, porque a defensa do galego é outro dos trazos característicos de GCiencia. Se a ciencia é cultura, o idioma é a súa ferramenta. Como dixo un dos máis sobranceiros científicos que deu Galicia, Ángel Carracedo, utilizar un idioma próximo ao lector aproxima tamén o concepto científico que se quere divulgar. Recentemente, Galicia celebrou o día da ciencia en galego. Unha loable iniciativa, á que GCiencia se suma cos seus 365 días da ciencia en galego.

GCiencia quere ser en todo caso algo máis que unha revista dixital, algo distinto a un periódico web. Internet ofrece moitas máis posibilidades que iso, infinitas practicamente, pero as que máis nos interesan son as que nos permitiron converternos -ou polo menos tentalo- nun divulgador de referencia da investigación galega. Aínda que para iso saísemos do virtual para poñer os pés na rúa, como fixemos con dous premios consolidados como Contar a Ciencia e Galicia Spin-off. O primeiro, destinado a alumnos de Comunicación das tres universidades galegas, celebrou xa a súa terceira edición da man de Caixabank. Recentemente entregáronse en Vigo os galardóns da segunda edición do Galicia Spin-off, organizados en colaboración co Banco Pastor, e que recoñecen ás mellores empresas galegas nadas no ámbito universitario. É a nosa forma de subliñar a necesaria vinculación entre a investigación e a empresa.

O portal da ciencia galega celebra o seu cabodano cunha tira do humorista gráfico Luis Davila

Ao longo destes últimos anos, GCiencia converteuse tamén nun colaborador estable da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), do Ministerio de Economía y Competitividad. Cóntanse cos dedos dunha man os medios de comunicación que traballan coa fundación estatal de divulgación científica, e GCiencia, desde Galicia e en galego, é un deles.

GCiencia envorcou os seus esforzos nestes tres anos en desenvolver un xornalismo de calidade, ameno pero rigoroso. O coidado posto na calidade dos textos, por exemplo, viuse recompensado con pequenas satisfaccións como ver os nosos contidos incluidos en libros de texto ou nos exames de Reválida para 22.000 alumnos galegos de Primaria o pasado curso.

Todo o descrito debuxa un panorama que nos permite aventurar que estabamos no certo cando en 2013 sospeitamos das posibilidades do matrimonio entre a ciencia e o xornalismo. En tempos de crise, GCiencia é a marca emblemática dunha empresa -Ciencia Galega Industrias Creativas, S.L.- que crece e crea emprego, un modelo sustentable nuns tempos especialmente difíciles para os medios de comunicación. Entre outros froitos desta aposta e deste esforzo atópanse a concesión en 2015 do Premio de Xornalismo Dixital polo Foro da Comunicación de Galicia ou a nominación para o Premio do Público do Culturgal 2016.

GCiencia quere celebrar este terceiro aniversario cun pequeno agasallo aos seus lectores: unha tira do humorista gráfico Luis Davila que representa o agromar do portal da ciencia. Grazas ao apoio das institucións e entidades que creron no proxecto cando era un simple borrador no papel e das que se foron sumando polo camiño, GCiencia encara con optimismo 2017. Coa dobre satisfacción de estar a contribuír á divulgación científica en Galicia e de desafiar as eivas do xornalismo cun modelo sustentable e prometedor.

Unha resposta a “Ciencia e xornalismo

  1. Gamela

    Noraboa, como pasa o tempo… !!!

    Agora falta que a divulgación que facedes chegue a aplicarse nesta terra algún día !

    Non todo van ser clics !

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.