pontevedra aérea 2

Unha urbe con premio

O modelo de mobilidade responsable fai a Pontevedra merecedora de numerosos recoñecementos internacionais

Dende 1999, a cidade de Pontevedra experimentou un fondo cambio, unha transformación en positivo cara un modelo de cidade sostible. Creouse unha cidade pensada por e para as persoas, na que “o espazo público é unha continuación da propia casa” tal e como o define Fernández Lores, alcalde da cidade.

Hoxe, o modelo urbano de Pontevedra é recoñecido e premiado a nivel mundial en amplas instancias e en todas as facetas que compoñen a calidade urbana: accesibilidade, seguridade viaria, autonomía de nenos, recuperación do patrimonio, mellora do hábitat, cidade ambiental, etc. Proba disto son os numerosos recoñecementos que ten recibido, xunto ao feito de que profesionais e dirixentes políticos con responsabilidades na xestión urbana teñan dirixido as súas olladas a Pontevedra como referente mundial dunha correcta transformación do modelo de cidade.

pontevedra aérea 3

Esta admiración desde o exterior maniféstase ademais nas ducias de invitacións e participacións para expoñer as principais claves do modelo urbano e a importancia das cidades sostibles. No que se refire aos premios e recoñecementos concedidos ó modelo urbano de Pontevedra, destacan os seguintes:

Premio Cidade de Pedra (2006): Outorgado pola Asociación de Graniteiros de Galicia pola excelente utilización desta materia prima na transformación urbana da cidade.

Premio CERMI do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (2007): outorgado á mellor acción institucional pola xeneralización da accesibilidade universal en todo o espazo urbano de Pontevedra.

Premio Nacional da Cultura Galega (2008): outorgado pola Xunta de Galicia ao proceso de transformación urbana que experimentou a cidade, especialmente no referente á recuperación patrimonial e da memoria histórica, devolvéndolle o seu ambiente orixinario como foro cívico, ó tempo que alcanzou unha grande calidade urbana.

Premio Festival de Seguridade Viaria (2010): Entregado en Alcobendas polos premios desta entidade privada, presidida polo catedrático de seguridade viaria da Universidade de Valencia, Luis Montoro, e da que forman parte a DGT, a Deputación de Valencia, o Concello de Madrid, a Fundación ONCE e outras empresas dos sectores do transporte e os seguros.

Premio de Mobilidade Sostible do II Encontro de Cidades pola Seguridade Viaria (2011): Celebrado en Córdoba, impulsado pola DGT e a Federación Española de Municipios e Provincias, de cuxo xurado formaban parte representantes destas entidades.

Pontevedra, Cidade Amiga da Infancia (2012): Realizada pola Fundación Meniños de apoio á infancia. Os nenos poden andar e xogar sos polas rúas e ir camiñando á escola sen compañía de adultos, o que permite considerar a cidade como un elemento educador de primeira orde, que fomenta a autonomía dos rapaces.

Premio Intermodes (2013): outorgado en Bruxelas pola Axencia Europea así denominada, que ten como misión fomentar o desenvolvemento da intermodalidade no transporte, desde todas as súas dimensións. Neste caso, fixáronse en Pontevedra como paradigma da intermodalidade con base peonil, destacando o papel a cidade como modelo da promoción da cultura peonil entra a cidadanía, que é o propio e aconsellable para distancias inferiores ós 2kms de distancia.

Premio ONU Hábitat (2014): outorgado en Dubai por este organismo dependente das Nacións Unidas polo modelo urbano baixo o título “Unha cidade pensada para as persoas”. O “Dubai Award” é un premio bienal dedicado a destacar as principais experiencias do mundo que teñan como finalidade aumentar a mellora da calidade de vida das persoas. A mellora en xeral do medio ambiente urbano, a redución de fumes e ruídos, as melloras en integración, a mobilidade sostible, a prioridade peonil, a atención ós espazos públicos e a participación pública foron parte dos razoamentos que sustentaron esta distinción.

Center for Active Design Excellence Award (2015) : Premio outorgado en Nova York por este centro ligado á Fundación Michael Bloomberg que promove accións exemplares que promocionen a saúde a través da arquitectura e dunha planificación urbanística centrada nas persoas. O deseño de cidades que promovan a mobilidade a pé, a actividade física e a interactuación dos cidadáns e así combater a obesidade e as enfermidades crónicas asociadas, unha auténtica epidemia entre a poboación estadounidense e en ascenso en distintas partes do mundo. A organización considerou a Pontevedra como pioneira dun deseño urbano centrado nas persoas e que promove hábitos de vida saudables.

Premio Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China (2015): O premio entregouse co gallo da celebración do China International New Energy Vehicle Show 2015, un congreso internacional sobre novas enerxías que organiza cada ano o Premio Cidade de Mobilidade Intelixente, que recoñece ás cidades de Europa e Asia que destaquen polos seus compromisos nestes aspectos. A recuperación dos espazos públicos, o aumento das posibilidades de mobilidade, a promoción dun estilo de vida máis saudable, o reforzo das políticas de seguridade viaria e a redución de gases e emisións á atmosfera, foron as razóns que fixeron á cidade de Pontevedra merecedora deste galardón.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.