César Mosquera. Foto:Suso González.

César Mosquera. Foto:Suso González.

‘O modelo de Pontevedra é o futuro’

César Mosquera é matemático e defende unha fórmula que ve válida para calquera urbe

César Mosquera é un científico. Licenciado en Matemáticas pola USC, semella que chega ás ideas a través dun método e dunha fórmula. Pero, como tamén é licenciado en Psicopedagoxía, pon toda a paixón en explicalas. Por iso está considerado o pai do modelo de mobilidade urbana de Pontevedra, que acumula premios internacionais. E conta cada cousa coa fe de quen resolve un teorema irrefutable. César Mosquera é concelleiro e vicepresidente da Deputación Provincial.

-Que ten da súa parte científica o modelo de Pontevedra?

-En realidade, a política é un proceso colectivo. Dito isto, a miña formación en ordenamento urbano vén de lonxe, de cando era un crío. De cando eu veía unha cidade na que os nenos parecían un problema, porque estaba tomada polos coches. E, como psicopedagogo, coñecía as teorías de Tonucci. E doutros teóricos. Ademais de que cando viaxaba observaba que se facía polo mundo adiante.

-E agora é o ‘mundo adiante’ o que sinala o modelo de Pontevedra…

-En Pontevedra aportamos un modelo que non sería comprensible hai corenta anos. Antes se peonalizaban centros históricos, como se fosen algo separado da cidade. Pero é unha idea xa superada. Porque creaba zonas mortas, como sucedeu na rúa Preciados en Madrid ou no Príncipe, en Vigo. E comprendimos que había que mudar a cidade no seu conxunto. Que había que dar o salto e pensar en toda a cidade. Integrar seguranza viaria, autonomía dos rapaces, das persoas con discapacidade… e logramos conxuntalo todo nun modelo de cidade que tivo éxito. Onde noutros lados non se atreveron, nós pensamos moito, traballamos moito e adoptamos as decisións cando chegou o seu momento.

-Funciona o modelo para todas as cidades?

-As ideas si. Porque nós non usamos ideas propias, senón ideas universais. Mesmo de pensadores tan antigos como Cerdá, da segunda metade do século dezanove. Despois está o do tamaño, o momento de evolución, a idiosincrasia… pero nós estamos convencidos de que é válido e se pode aplicar a calquera cidade.

-Tamén pode aplicarse en grandes urbes?

-Mellor que nas medianas. É falso que sexa máis difícil peonizar nunha cidade grande. É moitísimo máis doado. Nunha cidade grande, os desprazamentos en coche non soben do 30 por cento. O resto é transporte público. Restrinxir o tráfico afectaría moito menos ao día a día.

-Cidades como Londres xa están a limitar o acceso do tráfico ao centro…

-O de Londres non se parece ao de Pontevedra. O de alí é neoliberalismo: con teorías neoliberais con orixe nos anos 20, o acceso aos servizos públicos regúlase mediante taxas. O que se busca é a conxestión óptima. Poñer un prezo que provoque un volume de tráfico manexable. Iso é todo o contrario da nosa idea. En Pontevedra o tráfico está condicionado a que a cidade funcione ben. Non se trata de poñer taxas.

‘Pensamos moito, traballamos moito e tomamos as decisións cando chegou o momento’

-Como se convence aos cidadáns de que isto é boa idea?

-Estando convencido un. Se non está un convencido, non vai convencer a ninguén. Hai que ter todo moi estudado, moi traballado, moi pensado. Saber onde ceder e onde non. A preparación é a base para que funcione ben.

-Como convenceu aos comerciantes?

-Hai una serie de tópicos que son irreais. Non houbo ningunha actuación aquí que contase coa oposición dos comerciantes. En Pontevedra non foi certo. A asociación Zona Monumental colaborou de forma decidida. E, se non, non sería viable. A xente que protestaba era moi distinta. Facíao porque tiña outros intereses, políticos ou ideolóxicos. Pero isto xa está descrito. Pasou noutros lados. Hai que prever o que vai suceder.

-É exportable o modelo de Pontevedra á mobilidade de toda Galicia?

-Os principios, si. E son terriblemente crítico co que se está a facer coa mobilidade. Os resultados de seguranza viaria en Galicia son moi malos. A provincia de Pontevedra é a que ten máis accidentes. Estamos falando de vidas. Hai que educar á xente á hora de conducir. E promocionar o transporte público.

-Está ben feito o modelo de comunicacións e mobilidade en Galicia?

-Non, non o fixemos ben. Seica moitas decisións non as tomamos nós, senón que se tomaron fóra. As grandes infraestruturas están pensadas para comunicar con Madrid.

-Os modelos urbanos avanzan… É Pontevedra cara onde camiñamos no futuro?

-Cada época ten os seus retos. Se dentro de cen anos non podemos usar combustibles fósiles nas cidades, haberá outros retos. Pero no horizonte dunha xeración, de vinte ou trinta anos, que é o razoable na historia dunha cidade, estou convencido de que este é o modelo. É o futuro.

-Cando os veciños ven imaxes de antes, con coches e coches, non acreditan que puidesen vivir nunha cidade así…

-O que está demostrado é que a actividade humana normal e a circulación do tráfico lévanse moi mal. Os coches na cidade funcionan moi mal. Tamén para os propios condutores. Por iso, cando cambias, non queres volver atrás. Mesmo non entendes que antes puideses vivir con esa tensión do tráfico. Que, ademais, é ineficaz para todos. Porque non ten ningunha vantaxe demostrable usar as cidades como carreteras. E problemas ten a miles. Nin tan sequera para o propio automobilista. Nin para a súa propia saúde… Eu estou convencido de que este é o futuro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.