A comarca de Soneira na Carta Xeométrica de Galicia. Nela obsérvanse as estacións xeodésicas (marcadas cun asterisco), os lugares, parroquias, igrexas, feiras e outros elementos. Fonte: mapas.xunta.gal.

A comarca de Soneira na Carta Xeométrica de Galicia. Nela obsérvanse as estacións xeodésicas (marcadas cun asterisco), os lugares, parroquias, igrexas, feiras e outros elementos. Fonte: mapas.xunta.gal.

A Carta Xeométrica de Fontán: así se pintou o rostro do país

Como foi posible, a comezos do século XIX, que un home conseguira debuxar con todo o detalle e método científico o mapa de Galicia?

“Cando se trata de levantar xeométricamente o plano dun país dilatado como o que abraza Galicia, non pode ser outro o obxecto desta operación que o de achar a súa superficie e representala coa maior semellanza posible”. *

Se vostede quere comprobar o valor científico da Carta Xeométrica de Galicia, faga o seguinte: busque un ordenador con conexión a Internet, abra o navegador e introduza na barra de direccións o enderezo mapas.xunta.gal/visores/basico/. É o visor xeográfico da Xunta de Galicia; unha das radiografías máis exhaustivas que existen do territorio. Na parte superior dereita da pantalla apareceranlle unha serie de iconas; faga clic nunha que ten unha especie de ‘L’ branco, co vértice punteado, sobre un fondo verde: despregaranse diversos mapas de fondo: o voo americano de 1957, as últimas versións do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA), etc. E tamén, case ao final de todo, o mapa de Domingo Fontán. E comprobe o que pasa.

A coincidencia entre a Carta de Fontán e os sistemas actuais de información xeográfica é abraiante

Case 200 anos despois, cando dispoñemos dunha tecnoloxía que era ciencia-ficción no tempo no que viviu Fontán, é posible superpoñer a súa Carta Xeométrica sobre o territorio cun marxe de erro ínfimo. En moitos lugares, o que fixo un só home – axudado por un pequeno grupo de colaboradores fieis e, sobre todo, por unha mente entregada ao método científico e á súa terra – non se conseguiu superar ata que os avances tecnolóxicos fixeron posible enviar satélites fóra do planeta para fotografalo desde o espazo.

Ademais da mera comprobación visual, corrobórano as investigacións sobre a súa carta, como a desenvolvida na tese de doutoramento de María del Carmen Álvarez Monterroso, A parroquia galega a partir da Carta Xeométrica de Galicia. Mediante unha análise con Sistemas de Información Xeográfica, Álvarez Monterroso conclúe que Fontán “identificou e cartografou o 98,9% das parroquias da época” e, do mesmo xeito, reseña a precisión do mapa: “Máis da metade dos concellos galegos (o 53,3%) teñen máis da metade das súas entidades parroquiais por debaixo dos 500 metros de distancia con respecto á localización do cruceiro da igrexa correspondente”.

E non só iso: aquel rostro do país (así o definiu Otero Pedrayo) que debuxou Fontán inmortalizou tamén un tempo e unha toponimia que agora esmorece ante o despoboamento e o abandono dunha parte do territorio. Na Carta gravada en 1845 aparecen, segundo os cálculos realizados pola investigadora Álvarez Monterroso, 8.533 topónimos. Vilas, aldeas, montes, cabos, feiras, mosteiros, ferrerías, fundicións, muíños, pousadas ou balnearios debuxados no rostro de Galicia.

Cómpre engadir ademais que non falamos dun territorio ‘cómodo’ para un cartógrafo. Se houbera que elixir un país para levantar un mapa científico no século XIX, Galicia non sería a opción máis sinxela. Non resulta difícil chegar a esta conclusión. É un terreo complicado para medir: desde os altos cumes das serras orientais ata unha costa intricada e laberíntica, pasando polos montes gastados e antigos da dorsal central, ou os vales sucados por mil ríos. Tíñao claro o propio Fontán: “Ofrece Galicia moi poucas chairas onde poidan medirse grandes bases”, deixou escrito.

O método da Carta

Pero como foi posible, a comezos do século XIX, debuxar ao detalle todo un país? Fontán estableceu centos de estacións xeodésicas por todo o territorio; subiu aos cumes desde onde podía trazar unha panorámica limpa cara outros lugares de referencia e núcleos de poboación, para ir construíndo, paso a paso, a triangulación.

Grazas ao camiño que abriu o seu maestro Xosé Rodríguez, o Matemático de Bermés, o xeógrafo de Porta do Conde dispoñía do mellor material e os mellores coñecementos que había naquel tempo. A partir das ensinanzas de Rodríguez, Fontán lera as obras dos expertos de referencia da época, como Delambre, Laplace ou Legendre. E dispoñía das ferramentas máis axeitadas que había para sacar adiante a Carta, grazas ás viaxes realizadas por Rodríguez a París e ao propio esforzo de Fontán.

Pero era preciso ter un punto de partida. Para situar as estacións e o resto de puntos de referencia no mapa, había que saber antes onde estaban eses lugares. Despois das probas realizadas en 1816 no pombal do Pazo de Sobrecarreira, en Cambre, do seu amigo Antonio Loriga, en 1817 comezou a aventura.

“Un plano construído con estes datos non estaría orientado; sería descoñecida a súa posición na superficie terrestre, e a ningún dos seus puntos podería sinalárselle a latitude ou distancia ao Ecuador nin a lonxitude ou o ángulo do seu meridiano co dos observatorios máis célebres, cando en todos os mapas vemos que nada disto se bota de menos. Son pois, necesarias, observacións astronómicas de latitude, lonxitude e acimut nun dos vértices da rede de triángulos para calcular iguais elementos respecto a todos os demais. Este cálculo é indispensable, debendo preceder a construción dos paralelos e meridianos da carta á dos vértices dos triángulos segundo a respectiva latitude e lonxitude”.

E Fontán estableceu ese punto de saída na Berenguela da Catedral de Santiago:

“Atopei a latitude da Torre do Reloxo da Catedral por máis de 144 observacións astronómicas da (estrela) Polar, e por outras 200 de Orión e por alturas meridianas do Sol”.

Mais para desenvolver a triangulación tamén precisaba unha base: unha liña recta e chá para determinar un dos lados dos triángulos. Coa trigonometría e as súas observacións, podería facer o resto, pero precisaba ese lado. E mediuno moi preto de Santiago, na estrada que sae cara A Coruña, a carón de onde hoxe está o cemiterio de Boisaca (lugar que el chamou Busaco). Desde aquí ata Formarís, trazou unha base, contando metro a metro, cunhas madeiras especiais que fixo traer desde Holanda, para minimizar os erros de cálculo debido ás contraccións e dilatacións do material, e apoiado por dous axudantes.

A liña vermella indica a zona onde Fontán mediu a base do Corgo, a partir da cal triangulou a parte oriental do país. Foto: R. Pan.

A liña vermella indica a zona onde Fontán mediu a base do Corgo, a partir da cal triangulou a parte oriental do país. Foto: R. Pan.

A distancia obtida (2.744 varas castelás, ou 2.291 metros) permitiulle arrincar as medicións. O mesmo faría anos despois na recta do Corgo, preto de Lugo, onde trazaría a base (5.975 varas ou 4.989 metros) desde a que construíu a parte oriental do mapa.

Alén de ubicar con exactitude estes puntos no mapa, Fontán tamén foi quen de incorporar á Carta as curvas de nivel e as elevacións dos promontorios polos que ía pasando. Fíxoo grazas á axuda do seu irmán Andrés, a quen mandaba medir, á mesma hora, a presión atmosférica e a temperatura a nivel do mar, en Noia, mentres o xeógrafo facía os mesmos cálculos en calquera parte do país na que se atopase. Isto era preciso facelo tamén para pode debuxar o país sobre un só plano, tendo en conta as diferentes altitudes.

“Entre os lados destes triángulos debe medirse un ou máis coa maior escrupulosidade como base, para calcular os de toda a rede trigonométrica. Esta base debe reducirse ao nivel do mar, sobre cuxa superficie se considera proxectada a que se trata de determinar”.

E non só iso. En cada estación, mediu e volveu medir varias veces cada un dos seus cálculos para evitar posibles erros. E en cada unha delas, as medicións facíaas en todas as direccións, para poder empregalas como vértices de máis dun triángulo. A meticulosidade e a precisión do traballo foron a clave para conseguir unha Carta tan próxima á perfección.

“A este fin, recoñécese, dibúxase e nivélase o terreo estudando todos os seus accidentes. Elíxense despois os puntos máis altos e dun extenso horizonte que ofrecen as montañas para estacións ou vértices dunha rede de triángulos que, no menor número posible, abracen o perímetro de todo o territorio”.

Un exemplo da triangulación da Carta. O vértice da estación de Cabeza de Meda (no centro), serve para trazar numerosos triangulos cos que se mediu a provincia de Ourense. Fonte: Fundación Domingo Fontán / Elaboración propia.

Un exemplo da triangulación da Carta. O vértice da estación de Cabeza de Meda (no centro), serve para trazar moitos dos lados cos que se puido cartografar a provincia de Ourense. Fonte: Fundación Domingo Fontán / Elaboración propia.

Porén, Fontán non subiu só aos montes máis altos. Para conseguir unha precisión aínda maior, debía trazar triángulos máis pequenos que lle confirmasen que os seus cálculos estaban no certo. E aquí, a dispersión da poboación de Galicia e o poder relixioso foron uns grandes aliados á hora de trazar a Carta.

“Descéndese de seguida a outros de menor extensión, multiplicándoos segundo o esixan as localidades e sempre coa mira de enfiar e cruzar todos os puntos cuxa posición debe ser exacta”.

Desde os centos de igrexas parroquiais espalladas polo país, cuxo campanario era case sempre o punto desde onde se albiscaba toda a aldea, o xeógrafo puido trazar unhas triangulacións de segundo e terceiro orde para situar no mapa cada un dos lugares polos que pasaba.

E todo isto quedou anotado nos seus cadernos de campo. A enorme cantidade de datos compilados e a rigurosidade das súas medicións permitiron poñer sobre o papel unha radiografía fiel do país galego.

“…E conservo todos os meus diarios de operacións, todos os datos, todos os cálculos, para poder reproducir a miña obra, aínda cando desapareza, pois bastaríanme tres anos para volver construíla sen saír de Madrid”.

Intervención de Fontán na sesión das Cortes do 28 de xuño de 1838.

As cartas de 1834 e 1845

Despois de case 20 anos de traballos, e innumerables atrancos físicos, políticos e económicos, Domingo Fontán puido presentar ante a rexente María Cristina a minuta da Carta Xeométrica en decembro de 1834. Porén, máis atrancos atrasarían aínda 11 anos o gravado da carta en París.

Neste tempo, o xeógrafo puido corrixir algúns erros e perfeccionar aínda máis a xa de por si excepcional precisión da versión de 1834. Esta minuta (que hoxe conserva a Fundación Domingo Fontán) diferénciase por estar dividida en 8 follas e ter unha cor verde azulada para o mar.

Algunhas das correccións que Fontán enviou a Bouffard entre 1834 e 1845. Fonte: Fundación Domingo Fontán.

Detalle dalgunhas das correccións que Fontán enviou a Bouffard entre 1834 e 1845. Fonte: Fundación Domingo Fontán.

O gravado de 1845, de 12 follas, conta con revisións incluídas por Fontán, que estivo en constante contacto co gravador Bouffard para modificar estes erros de transcripción (nomes de entidades de poboación, límites administrativos, altitudes ou estacións xeodésicas).

Mais a Carta Xeométrica é un ente vivo. Entre outras moitas versións, consérvase unha de 1917 na que se poñen sobre ela as liñas de ferrocarril e de estradas novas que se realizaran ata ese momento. Ao seguir estes trazados, obsérvase como o mapa de Fontán foi unha excelente guía para escoller os mellores lugares polos que abrir estes camiños, salvando os accidentes xeográficos máis complicados. Esa é outra historia, e tamén a contaremos.

* As citas textuais están extraídas dos cadernos escritos polo propio Domingo Fontán.

Unha resposta a “A Carta Xeométrica de Fontán: así se pintou o rostro do país”

  1. José Antonio Garabatos

    Naqueles tempos, a precariedade de medios e os atrancos físicos, políticos e económicos eran suplidos polo mero entusiasmo e a forza de vontade de auténticos heroes maltratados polas autoridades e parte da sociedade.
    En cambio, na actualidade… vaia, que coincidencia!

    Extraordinaria reportaxe.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.