Eva Blanco, a moza asasinada en Madrid en 1997.

Eva Blanco, a moza asasinada en Madrid en 1997, xunto ao seu diario persoal.

Así atoparon científicos de Santiago ó asasino de Eva Blanco 18 anos despois

As análises xenéticas forenses da universidade compostelá orientaron á policía para resolver o crime de 1997

Expertos en xenética da Universidade de Santiago resolven un crime 18 anos despois. A moza madrileña Eva Blanco Puig, de 17 anos, apareceu morta nunha cuneta en Alxete o 20 de abril de 1997, con catro puñaladas. As análises determinaron que foi violada e a policía recolleu mostras de seme. Pero o ADN non coincidía con ningún sospeitoso. Era buscar unha agulla nun palleiro. Daquela, a tecnoloxía non permitía dar novos datos a partires das mostras.

Retrato-robot do asasino de Eva Blanco distribuído pola policía.

Retrato-robot do asasino de Eva Blanco distribuído pola policía.

Pero os pais de Eva Blanco non esqueceron o crime e seguiron reclamando xustiza. E investigadores da Universidade de Santiago lograron resolver o caso case dúas décadas máis tarde. En 2013, empregando unha nova técnica, determinaron que o ADN correspondía a un individuo de orixe xenérica ‘africano-subsahariana‘. E a policía tivo así un dato fundamental para investigar, unha pista que acotaba moitísimo o número de probas a realizar.

Cando a Garda Civil recibiu esta información dos investigadores compostelás, levoudous anos tomar mostras de ADN de residentes na poboación madrileña. Buscaban persoas cun perfil similar, de orixe magrebí, con residencia en Alxete en 1997, no momento do crime. A sorpresa chegou cando unha das mostras deu positivo. Non porque identificase ó asasino, senón porque xenéticamente correspondía a alguén que tiña que ter un lazo de parentesco elevado, concretamente o seu irmán.

A policía interrogou ó candidato, que efectivamente tiña un irmán que residira en Alxete, pero que marchou da localidade madrileña precisamente no ano 1997, pouco despois do crime. Agora residía en Francia, onde casara e tiña dous fillos. Días máis tarde era detido A.C.G., español de orixe marroquí, que residía nunha pequena vila francesa, Pierrefontaine Les Varans, perfectamente integrado na vida da comunidade. A Xendarmería Nacional francesa, seguindo ordes do Corpo Nacional de Policía, coas pistas concluíntes da Universidade de Santiago, atoparan así ao asasino. Bastou cunha proba de ADN para confirmar que se cotexou cos restos de seme para confirmar que aquel home que levaba unha fermosa vida en Francia era o criminal que acabou coa vida de Eva Blanco 18 anos antes.

Oitenta marcadores xenéticos de orixe bioxeográfico e 20 para a determinación de características físicas foron os que empregou o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC e que orientaron as investigacións policiais cara ao asasino, que meses máis tarde de ser detido se quitou a vida en prisión.

O instituto compostelán é unha referencia mundial en xenética forense

A directora do instituto compostelán referencia mundial no seu ámbito, María Victoria Lareu Huidrobo, explicou que co primeiro grupo de marcadores se poden determinar cinco áreas de procedencia: europea, africano-subsahariana, asiática, latinoamericana e de Oceanía. Xunto a estes, o equipo da USC desenvolveu un test de análise SNPs (Single Nucleotide Polimorphism) específico, cos que se infiren trazos físicos como a cor dos ollos, do cabelo ou a pel e que determinou as indagacións da Garda Civil.

“Esta análise que fixemos, cunha fiabilidade altísima, en decembro de 2013 deu a pista á Garda Civil para buscar á persoa donante da mostra que se atopou neste caso, o que posibilitou análises de ADN posteriores que puxeron de manifesto a posible implicación do sospeitoso no caso criminal”, explica Victoria Lareu.

Os 18 anos transcorridos desde o crime non foron obstáculo na investigación, “senón que permitiu que avanzase a ciencia no campo destes marcadores”, explicou no seu día a profesora Lareu, que traballou nesta investigación con Christopher Phillips, Manuel Fondevila e Carla Santos.

Unha resposta a “Así atoparon científicos de Santiago ó asasino de Eva Blanco 18 anos despois”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.