As Regueifas volven a Compostela o martes 28 de marzo.

As Regueifas volven a Compostela o martes 28 de marzo.

Volven as Regueifas da Ciencia cun debate sobre a alimentación

'Promove a industria unha alimentación sa?' é o título da cita do martes 28 en Compostela

‘Promove a industria unha alimentación sa?’ Con este suxerente tema comeza o vindeiro martes 28 a segunda edición de Regueifas de Ciencia, que o pasado ano reuniu máis de 1.500 persoas nos catro debates que tiveron lugar en Ciencias da Comunicación. Os transxénicos, o cambio de fuso horario, a experimentación animal e mesmo o eterno dilema da compatibilidade entre ciencia e fe foron os temas nos que, entre outros, participaron caras coñecidas como Jorge Mira, JM Mulet, Antonio Martínez Ron, Fernando Savater ou Fernando Sánchez Dragó.

Laura Sánchez Piñón, na presentación das Regueifas.

Laura Sánchez Piñón, na presentación das Regueifas.

Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da USC financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT, pertencente ao Ministerio de Economía, Industria y Competitividad, que busca a aprendizaxe e o enriquecemento da audiencia a través da organización de debates sobre temas clave para a sociedade.

Un dos aspectos máis interesantes da iniciativa, de entrada libre, é precisamente que os relatores teñen perfís moi variados: científicos, filósofos, escritores, investigadores, divulgadores, xornalistas, docentes… logrando conformar entre todos unha magnífica fonte de información para a audiencia sobre temas que, a priori, poderían non ser sinxelos de comprender e sobre os que pode custar posicionarse. Os organizadores están xa pensando nos vindeiros debates, que poderían versar sobre edición xenética, enerxía nuclear ou eutanasia. O que xa avanzaron esta mañá en rolda de prensa a catedrática da USC e coordinadora da iniciativa, Laura Sánchez Piñón, e o investigador do Idis e membro do comité organizador, Manuel Collado, é que o último será unha edición internacional acerca da investigación sobre o envellecemento.

A industria alimentaria, a debate
O tema que xa está pechado é o da cita do martes 28 ás 20.00 horas acerca da responsabilidade da industria na nosa alimentación e na que, como sempre, intervirán catro profesionais con dúas posturas claramente enfrontadas.

Por unha banda, a profesora da USC e coordinadora da Unidade de Nutrición Pediátrica do CHUS Rosaura Leis Trabazo e o profesor de Bioquímica e director da Unidade de Divulgación Científica da Universidade de Murcia, autor do blog ‘Scientia’ e do libro Vamos a comprar mentiras, José Manuel López Nicolás. Na posición contraria estarán o director de Política Alimentaria, Nutrición e Saúde da Federación Española de Industrias da Alimentación e Bebidas (FIAB), Enrico Frabetti, e o director de Saúde e Nutrición en Coca-Cola Iberia, Rafael Urrialde de Andrés.

Votación electrónica
O estilo destes debates denomínase tipo ‘Oxford’, o que implica que hai dous equipos, un moderador e tempos pautados para cada intervención. Ademais, ao final ábrese unha quenda de preguntas para que o público poida resolver as dúbidas que lle puidesen quedar despois de escoitar os argumentos das partes.

Precisamente relacionada co público, Regueifas de Ciencia incorporou desde o seu inicio unha innovación nos debates da que se extraen curiosas conclusións: antes de comezar a sesión consúltaselle ao público (por votación electrónica) a súa opinión sobre o tema a tratar, algo que se repite ao remate. É entón cando se coñecen os resultados das dúas votacións e se pode advertir así se as intervencións calaron no público asistente.

Todas as Regueifas retransmítense por streaming e quedan gravadas na web do evento e na súa canle de YouTube. De feito, o seu éxito vén dado tamén polas cifras virtuais: máis de 500 persoas seguiron en liña en directo os debates, que tiveron preto de 7.000 visualizacións e máis de 400.000 impactos en redes sociais.

2 respostas a “Volven as Regueifas da Ciencia cun debate sobre a alimentación”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.