Xoves 25 Abril 2024

Vigo doa á ciencia 150 cerebros

As enfermidades neurodexenerativas, asociadas á morte progresiva de neuronas en diferentes rexións do cerebro, representan un gran desafío social e económico pola súa elevada incidencia, aínda que nos últimos 25 anos a investigación sobre estas doenzas intensificouse e avanzou considerablemente. Parte importante deses progresos está directamente vinculada coa existencia dos bancos de cerebros, nos que os investigadores e investigadoras poden realizar os seus ensaios relacionados con doenzas neurodexenerativas.

Integrado no Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBIV), o Banco de Cerebros do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), vén de superar as 150 doazóns, o que o converte nunha fonte de mostras de gran valor para o avance na investigación das enfermidades neurodexenerativas. Segundo informa o DUVI, son precisamente estes recursos do Banco de Cerebros do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo cos que contan os e as investigadoras da área de Ciencias neurolóxicas e enfermidades raras do proxecto Biocaps para realizar os seus ensaios relacionados con doenzas como o Alzheimer, o Parkinson, a demencia por corpos de Lewy e as encefalopatías esponxiformes transmisibles (EET).

Publicidade

A última petición de tecidos cerebrais a Vigo procede de Alberta (Canadá)

A relevancia científica desta colección, que alcanza na actualidade as 154 doazóns, reflíctese nas múltiples solicitudes de mostras recibidas por centros de investigación de toda España e tamén de centros internacionais de referencia. Entre os centros nacionais, atendéronse peticións desde o Institut d’Investigacions Biomèdiques August Pi i Sunyer (IDIBAPS) de Barcelona, o Centro de Investigación Cooperativa en Biociencias (CIC bioGUNE) de Bizkaia, o Centro de Investigación Príncipe Felipe de Valencia, o Hospital 12 de Outubro de Madrid e a Universidade de Oviedo, entre outros. Neste momento, o banco está a tramitar tamén unha solicitude de mostras desde o Centre for Prions and Protein Folding Diseases de Alberta, Canadá.

O Banco de Cerebros é unha sección do Biobanco do CHUVI creada no ano 2002 e situada no Hospital Meixoeiro de Vigo. Nel almacénase e consérvase unha colección da que un terzo se corresponde con casos de Alzheimer, mentres que outro terzo dos exemplares están afectados por prionopatías ou encefalopatías esponxiformes transmisibles (EET), enfermidades neurodexenerativas mortais causadas por prións e nas que o Servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía do Hospital Meixoeiro é centro de referencia para toda Galicia.

Os investigadores e investigadoras deste servizo, adscritos a Biocaps, están centrados na actualidade na caracterización clínico-patolóxica e de Western blot, unha técnica analítica usada para detectar proteínas específicas nunha mostra, de formas moi pouco frecuentes de EET, como son o insomnio fatal esporádico (prionopatía non hereditaria cuxo principal síntoma é o insomnio intratable) e a síndrome de Gerstmann-Sträussler-Scheinker, unha enfermidade rara que se manifesta con alteracións no movemento e que xeralmente é hereditaria.

Programa de doazóns

Outra liña de traballo é o estudo neuropatolóxico de casos da forma panencefalítica da enfermidade de Creutzfeldt-Jakob, un tipo de EET que se caracteriza por afectar non só ao cerebro senón a todo o encéfalo.

As mostras do Banco de Cerebros obtéñense a través dun programa de doazón no que pode participar calquera persoa maior de idade, enferma ou tamén sa, xa que obter mostras de suxeitos sen patoloxía neurológica contribúe ao estudo destas enfermidades ao actuar como valores de referencia. Para facerse doante a persoa debe asinar un consentimento informado no que autoriza o estudo do seu cerebro despois da súa morte e a súa utilización con fins científicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo test pode detectar o alzhéimer cunha precisión do 90 %

Unha investigación internacional con participación española desenvolveu unha proba que identifica un biomarcador clave chamado p-tau217

O IDIS e o IIS Galicia Sur investigan a relación entre estilo de vida e deterioración cognitiva no alzhéimer

Biomarcadores en sangue e o uso da intelixencia artificial poderán axudar na detección temperá desta doenza neurodexenerativa

É o alzhéimer un novo tipo de diabetes?

Trátase dunha hipótese aínda non confirmada, pero algúns sinais suxiren que podería existir un vínculo entre estas dúas enfermidades

Sonia Villapol: “En 2050 haberá tres veces máis pacientes de alzhéimer”

Entrevistamos á científica galega co gallo do décimo aniversario de Gciencia: "Aválavos o contido de calidade. Outros medios cópianvos sen avergoñarse"