Venres 19 Abril 2024

Científicos da UVigo atopan unha nova planta que conviviu cos dinosauros

Un equipo internacional de investigadores en paleobotánica, liderado por paleontólogos aragoneses con participación da UVigo, vén de confirmar o achado dunha nova especie de planta do Cretácico Inferior, cunha antigüidade de entre 113 e 100 millóns de anos e bautizada co nome de Sapindopsis turolensis, xa que os seus fósiles se atoparon en xacementos situados en varias localidades da provincia de Teruel.

Equipo de investigación sobre o terreo.
Equipo de investigación sobre o terreo.

O estudo publicado indica que a dispersión destas plantas se tería producido a través de conexións continentais entre o que hoxe en día é América do Norte e as illas que conformaban a actual Península Ibérica, pasando a través de Groenlandia, xa que durante o Cretácico Inferior estas masas de terra estaban separadas por só uns poucos centos de quilómetros. Ademais, tamén cabe destacar que os fósiles atopados representan a primeira cita deste xénero de plantas cretácicas en Eurasia occidental. Bienvenido Díez, investigador do Grupo BASAN (Basin Analyses, XM-3), destaca que estes novos achados axudan a consolidar esta zona de Teruel como “unha das máis importantes do mundo para o estudo deste tipo de plantas”.

Publicidade

Díez remarca tamén que este equipo internacional leva traballando nesta zona dende hai 15 anos e, cada verán, participan nas escavacións grupos de estudantes da Universidade de Vigo de titulacións como Bioloxía ou Enxeñaría de Minas. Isto, en opinión do docente, fixo agromar unha serie de teses de doutoramento e traballos de fin de grao no campo da paleobotánica, e incidiu na creación do Grupo de Paleobotánica Ibérica do que forman parte varios expertos da institución viguesa.

A especie atopada é a representante primitiva das actuais Plantáceas

O artigo publicado recolle os resultados do estudo dos fósiles de dúas especies de plantas angiospermas primitivas (plantas que xa tiñan flores): Sapindopsis turolensis que é nova para a ciencia e outra xa coñecida previamente nos Estados Unidos. Esta última foi atopada na localidade turolense de Huesa del Común e, ata o momento, só se tiña achado na localidade de Quantico, no estado de Virxinia, na costa este dos Estados Unidos, nun xacemento localizado no interior dunha base militar dos marines do exército norteamericano. Segundo os investigadores, isto indicaría que as condicións ambientais en ambas zonas hai 100 millóns de anos eran semellantes. Pola súa banda, a Sapindopsis turolensis é nova para a ciencia, e as súas follas fosilizadas foron atopadas en rochas pertencentes a antigos depósitos deltaicos situados nas localidades turolenses de Alcaine e Ariño.

A nova especie atopada.
A nova especie atopada.

As plantas fósiles estudadas neste proxecto consisten en follas de tamaño medio -de ata 12 centímetros de lonxitude- que presentan unha morfoloxía lobulada, con largos lóbulos laterais e un lóbulo simple ou triple na súa parte superior, dependendo da especie. Os carácteres destas follas indican que serían representantes primitivos da familia das Platanáceas, que son plantas moi comúns na actualidade -como o chamado plátano de sombra- que presentan follas moi amplas, dentadas, con tres a cinco nervios principais e que poden atoparse en parques e xardíns, como árbores ornamentais, e incluso franqueando as beirarúas da maioría das cidades españolas, como indican os investigadores.

Os exemplares atópanse depositados no Museo Aragonés de Paleontoloxía, situado nas dependencias da Fundación Conjunto Paleontológico de Teruel-Dinópolis da capital turolense, e está previsto que sexan mostrados ao público xunto con outros exemplares de plantas fósiles que se desenvolveron na provincia durante o Cretácico Inferior.

As achegas permitirán estudar a arquipélago que logo se converteu na Península Ibérica

Este estudo atópase englobado no proxecto Dinosaurios del Jurásico Superior-Cretácico Inferior de Teruel, sus ecosistemas y sus implicaciones filogenéticas y paleobiogeográficas, liderado por investigadores da Fundación Conjunto Paleontológico de Teruel-Dinópolis e no que colaboran diversos expertos, tanto españois como estranxeiros. O obxectivo deste proxecto é a análise dos diversos grupos faunísticos e florísticos presentes na provincia aragonesa, así como o estudo dos datos achegados por eles en canto ás relacións paleoambientais e paleoxeográficas existentes entre o arquipélago que constituía o que actualmente é a Península Ibérica e outras áreas circundantes, durante o Xurásico Superior e o Cretácico Inferior, hai entre entre 145 e 100 millóns de anos.

Neste proxecto participa o profesor José Bienvenido Díez, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo, que é un dos autores do estudo publicado no último número da revista Review of Palaeobotany and Palynology. Xunto con él firman o artigo Luis Miguel Sender (Museo Paleontológico Egidio Feruglio, Patagonia Argentina), James A. Doyle (Universidad de Davis, California, Estados Unidos), Uxue Villanueva Amadoz (Universidad Nacional Autónoma de México), Denise Pons (Universidad de Paris ) e Javier Ferrer (Universidad de Zaragoza).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas