Un equipo de investigación no que participan físicos da USC atopou anomalías “interesantes” que poderían amosar a “evidencia dunha nova física non predita” no Modelo Estándar de Física de Partículas, a teoría maiormente aceptada para describir os fenómenos asociados a partículas elementarias e as súas interaccións.
Neste novo test, no que participa o doutor Martino Borsato, do Departamento de Física de Partículas da USC, tamén están implicados investigadores do CERN de Suíza. Aínda que recoñecen que os resultados teñen un alcance estatístico limitado, o sinal observado prosegue indicacións similares de estudos previos. Outros dos investigadores do Instituto Galego de Altas Enerxías (IGFAE), Diego Martínez Santos e Veronika Chobanova, traballan na interpretación teórica destes resultados. Os seus estudos poderían establecer se estes indicios son fendas reais do Modelo ou, pola contra, simplemente flutuacións de carácter estatísticos.
Tal é como explica Diego Martínez Santos ao Xornal da USC, é un “resultado longamente esperado pola comunidade de físicos de partículas”. Concretamente trátase dun test sobre a universalidade das taxas de decaemento en leptóns cargados (como o electrón), unha das propiedades fundamentais do Modelo Estándar.
O experimento LHCb do Large Hadron Collider (LHC) do CERN, no que a USC ten unha contribución destacada, busca atopar as claves para comprender as diferenzas entre materia e antimateria. Este experimento está deseñado para estudar a ruptura da simetría entre materia e antimateria producida no Big Bang, momento no que a materia “venceu” á antimateria, formando os átomos que compoñen galaxias, estrelas, planetas e todo o que existe, sen que a día de hoxe se saiba exactamente porqué. O equipo da USC no LHCb explora, entre outras cousas, as diferenzas existentes entre materia e antimateria.