Presentación do libro 'Auga para todos'.

Presentación do libro 'Auga para todos'.

A Universidade de Santiago presenta o libro divulgativo ‘Auga para todos’

O investigador Francisco Díaz-Fierros é o autor dunha obra que relata as cuestións esenciais da auga para a vida

O volume 4 da Biblioteca de Divulgación Científica da USC, co título Auga para todos , contén “un relato de cuestións esenciais sobre a auga: a súa importancia para os seres vivos, as características da súa localización e dinámica no planeta e o enfoque que actualmente debería ter a súa contabilidade”. O novo título da Biblioteca de Divulgación Científica presentouse este xoves 14 nun encontro cos medios de comunicación no que participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; o autor do libro, o profesor Francisco Díaz-Fierros; o prologuista da obra, o profesor da Coruña Jerónimo Puertas; e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco.

Auga para todos.

Auga para todos.

Como explicou o seu autor, o libro presta un interese especial aos usos da auga dende a perspectiva da historia e a xeografía, facendo fincapé nas prioridades e dereitos do seu aproveitamento. “Habitamos un planeta limitado nos seus recursos, entre os que se atopa nomeadamente, como un dos máis escasos e prezados, a auga, razón pola cal a súa utilización está sometida a moitas tensións derivadas do incremento imparable dos seus usuarios e dunha demanda por persoa cada vez maior”, destaca Díaz-Fierros na obra. A auga é “un ben moi cobizado e do que dependen moitos equilibrios xeopolíticos” engade, sen esquecer que “por riba de todo, da auga depende a vida, a nosa e a dos ecosistemas”. Esta importancia xustifica un maior coñecemento arredor da auga, “con agarimo, con interese e coa conciencia clara dos valores que están en xogo”.

O seu autor é profesor emérito de Edafoloxía e Química Agrícola. A súa dedicación ao estudo da auga vén de antigo, como testemuña a súa tese de doutoramento ‘Contribución a los estudos del auga en los suelos de Galicia’ defendida en 1967. Moi comprometido coa divulgación e a dinamización da ciencia en lingua galega, Francisco Díaz-Fierros é coordinador da sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e co-director da ‘Biblioteca de Divulgación. Serie Científica’ da USC.

Biblioteca
Creada en 2011, e co dirixida polos profesores e divulgadores científicos Francisco Díaz-Ferros e Jorge Mira, a ‘ Biblioteca de Divulgación. Serie Científica’ acolle textos que, malia seren resultado da máis rigorosa investigación en cada eidos, están presentados de forma divulgativa, con exposición amena e áxil e pensados para o público xeral e non estritamente especialista.

Os temas deben referirse a calquera aspecto das ciencias naturais ou experimentais que, dentro da súa natural complexidade ou especificidade, poidan ter tamén un interese divulgativo, de maneira que poidan presentarse de forma áxil, suxestiva ou mesmo divertida.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.