A concentración de fármacos atopouse na auga potable en Lugo.

Unha investigación atopa 29 fármacos disoltos en augas potables de Lugo

Antimicrobianos e antiinflamatorios, procedentes de residuos humanos e animais, entre os medicamentos máis presentes nas augas

Os membros do tribunal xunto á doutora Alejandra Iglesias Tilve.

Os membros do tribunal xunto á doutora Alejandra Iglesias Tilve.

Unha investigación desenvolvida no Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control dos Alimentos (LHICA) da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo evidencia a presenza de residuos de substancias farmacolóxicas en augas potables de Lugo.

O estudo preliminar en augas potables realizado no marco desta investigación detectou a presenza dalgún tipo de substancias farmacolóxicas no 81% das mostras analizadas. Os residuos dos chamados fármacos antimicrobianos foron os máis detectados. De feito, o trimetropim e a sulfadiazina, seguido dun anti-inflamatorio como o diclofenaco, son, por esta orde, os residuos farmacolóxicos máis habituais nas mostras analizadas.

Os posibles problemas de contaminación ambiental asociados ou derivados do emprego de substancias farmacolóxicas é que unha parte das doses administradas excrétase a través das feces ou dos ouriños. Os residuos de fármacos excretados polas persoas concéntranse na súa maioría en plantas de tratamento axeitadas, mentres que no caso dos animais, este tipo de compostos vai parar a fosas de xurros, que logo son empregados como fertilizantes. Asemade, no caso dos animais, é habitual que parte das feces e dos ouriños excretados sexan directamente liberados ao medio ambiente.

O estudo feito por Alejandra Iglesias Tilve baixo a dirección de Alberto Cepeda Sáez e Graciela Nebot, permitiu a análise dun total de 540 mostras de auga recollidas en Lugo e Chantada, nas que se detectou a presenza de ata 29 fármacos diferentes, segundo se recolle na tese de doutoramento ‘Trazabilidade en augas da presenza de residuos de substanacias farmacolóxicas debido á produción de alimentos de orixe animal’, que vén de presentar Iglesias Tilve na Facultade de Veterinaria de Lugo.

A concentración de fármacos non semella preocupante para a saúde pública

A maior parte dos residuos de substancias farmacolóxicas advertidas nas augas no marco desta investigación correspóndense con antimicrobianos, tales como o sulfametozaxol, trimetropim ou sulfadiazina. Asemade, o 41% das mostras recollidas contiñan residuos detectables de substancias con actividade farmacolóxica cuns niveis de concentracións que varían desde 0,5 ata 2978 ng/l.

A investigadora precisa neste senso que as mostras recollidas en zonas con actividade gandeira deron resultados semellantes a outras tomadas en localizacións rurais con escasa ou nula presenza de gando. Sen embargo, o 63% das mostras collidas en áreas urbanas presentan concentracións detectables de fármacos, un dato que corrobora o feito de que as persoas, a pesar de tratar a auga, contaminan máis que os animais produtores de alimentos.

Os resultados sobre a presenza de residuos de substancias farmacolóxicas atopados nas mostras de auga analizadas no marco desta investigación chaman a atención, mais non preocupantes para a saúde pública. Aínda así, a tese de doutoramento de que vén de defender Alejandra Iglesias Tilve pon de novo de manifesto a necesidade de extremar os controis sobre este tipo de residuos no medio ambiente.

Tribunal de tese

O profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) José Manuel Gallardo Abuín presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento defendida por Alejandra Iglesias Tilve. A catedrática da Universidade da Coruña Soledad Muniategui, a catedrática da Universidade de Sevilla Ana María Troncoso González, o catedrático da USC Perfeco Paseiro Losada e a tamén profesora da USC Cristina Fente Sampaio, que actuou en calidade de secretaria, tamén formaron parte do xurado, que outorgou a máxima cualificación académica a tese desenvolvida por Alejandra Iglesias Tilve.

2 respostas a “Unha investigación atopa 29 fármacos disoltos en augas potables de Lugo”

  1. Sería interesante desarrollar bacterias transgénicas que puedan ayudar a eliminar estos químicos con enzimas específicas. Soluciones inteligentes a problemas causados por la negligencia y la estupidez humana.

  2. Dr Leis

    Está moi ben a tese.
    Estaría ben recalcar que os datos amosados non presentan nengún perigo para a sanidade pública. De feito, as doses farmacolóxiacas máis habituáis son do orde de mg, 1000 veces máis que os ng por litro detectados. En definitiva, teríamos que beber 1000 litros de auga dunha tacada para obter unha dose con efecto farmacolóxico. No obstante, a monitorización rutinaria desde tipo de contaminantes é importante.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.