O autor da tese xunto ao seu director, Alfonso Lago

O autor da tese xunto ao seu director, Alfonso Lago

Un método para mellorar a produtividade das auxiliares do sector naval

O enxeñeiro vigués Luis Eguizábal deseña un sistema de captura de datos e radio frecuencia para mellorar a toma de decisións nos talleres

O enxeñeiro vigués Luis Eguizábal tivo na súa traxectoria profesional a oportunidade de comprobar de primeira man os problemas das empresas do auxiliar do naval para secuenciar os traballos nos seus talleres de fabricación. Foi este un dos principais motivos que o levou a centrar a súa tese de doutoramento no desenvolvemento de novas ferramentas tecnolóxicas dirixidas a mellorar os procesos de produción neste tipo de talleres. Finalmente, o resultado acadado é un método “moi versátil” que permite a fabricación de gran variedade de artigos en pequenas series, “cun custe de implantación que non é caro, que mellora notablemente os índices de produtividade e que pode ser empregado en diversos ámbitos de actuación”, subliña o autor do estudo, docente na Escola de Enxeñería Industrial.

O sistema aumenta a produtividade nos talleres de fabricación e pode aplicarse a diversas industrias

O sistema aumenta a produtividade nos talleres de fabricación e pode aplicarse a diversas industrias

O sistema proposto polo investigador vigués recomenda que a toma de decisións da orde de execución de tarefas non se tome no taller, senón no Departamento de Planificación da Produción con toda a información necesaria. Para isto desenvolveu un novo sistema de captura de datos en planta baseado no emprego de novas tecnoloxías, como poden ser as tabletas electrónicas e as técnicas de identificación por radio frecuencia (NFC). “Desta maneira, relacionando a información dispoñible no Departamento de Planificación coa captura en tempo real da situación do taller pódese realizar unha secuenciación óptima das tarefas de fabricación”, subliña o enxeñeiro.

Coñecer en todo momento o que está pasando nos talleres de fabricación é, segundo se defende nesta tese, un aspecto básico se o que se busca é incrementar a produtividade da empresa e, para acadalo, débese contar con sistemas de xestión empresarial (ERP) axeitados e investir nos sistemas de captura de datos en planta. Neste senso, o autor da investigación subliña que isto non ten por que supor un investimento excesivamente elevado, posto que se pode empregar software libre para a implementación do sistema e a captura de datos faise a través dunha tableta con técnicas de identificación de radio frecuencia de custe reducido. “Ademais, no caso concreto do sector naval, facilita realizar a xestión tanto en nave como na obra, é dicir, no propio barco”, recalca Eguizábal.

O sistema que se propón para a mellora da produtividade nesta investigación, dirixida polo profesor Alfonso Lago Ferreiro, pode ser aplicado a calquera tipo de empresa que configure os seus talleres de fabricación nunha estrutura por produto, o que en inglés se coñece como fabricación Job Shop, e que acostuma empregarse non só no sector naval, senón tamén noutros sectores de gran relevancia para a economía galega, como o téxtil ou a industria de transformación da pedra. “A configuración Job-Shop si que acostuma empregarse nas pemes, pero polo momento non é habitual que as empresas dispoñan dun sistema de captura de datos en planta”, subliña o investigador.

O sistema podería ser útil tamén na industria téxtil e de transformación da pedra

As principais probas do sistema realizáronse na empresa viguesa de reparación e mantemento naval Emega. “Optamos por probar un sistema de control da produción baseado en tabletas con técnicas de identificación por radio frecuencia, polo que non foi necesario implementar ningún hardware específico”, subliña o investigador, que explica que, unha vez capturados os datos a través do lector NFC, envíanse a través de wifi á base de datos do servidor. “Para xestión do hardware de adquisición desenvolvemos unha aplicación baixo o sistema operativo Android”, recalca Eguizábal, que apunta que elixiron este sistema operativo en concreto porque “se asemella máis ao software libre e, ademais, está máis implantado no mercado dos teléfonos intelixentes e as tabletas”. A maiores, no servidor instalouse un programa de software libre de xestión empresarial (OpenERP) cos módulos necesarios para particularizar o sistema ao caso desta empresa en concreto, atendendo tanto a cuestións de contabilidade como de almacén ou recursos humanos.

Tradicionalmente un dos principais inconvenientes das empresas que traballan con este sistema de fabricación é a dificultade para realizar a programación da produción, xa que no taller se moven simultaneamente distintos produtos con procesos de fabricación moi dispares, dando lugar a unha gran diversidade de fluxos de materiais entre os centros de traballo. Agora co sistema desenvolto por este enxeñeiro vigués suavízanse en gran medida estas desvantaxes, permitindo realizar un control de activos na planta de fabricación, recalcular a secuenciación de execución das ordes de traballo para cada un dos centros de produción da empresa, así como definir todo un conxunto de indicadores que permiten medir de maneira concreta os parámetros de mellora do taller de fabricación.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.