Anotacións de Merino do seu observatorio meteorolóxico.

Anotacións de Merino do seu observatorio meteorolóxico.

Baltasar Merino: un meteorólogo con alma de mariñeiro

Das medicións de Baltasar Merino dende o observatorio da Guarda saíron libros como 'As borrascas en Galicia'

A faceta de Baltasar Merino como investigador no campo da meteoroloxía ten como factor máis relevante o seu interese en empregar os datos acadados coa observación e medición do clima para conseguir o obxectivo de salvar vidas humanas. O pai xesuíta quedou profundamente impresionado pola catástrofe marítima ocorrida na localidade portuguesa de Póvoa de Varzim en 1892, na que faleceron máis de cen persoas, e iso levoulle a tratar de aplicar os seus coñecementos neste campo para predicir as borrascas e evitar as súas consecuencias. Como sucedeu moitas veces ao longo da súa traxectoria, o profundo humanismo de Merino foi o factor decisivo para entender a súa labor na terreo da climatoloxía.

Edificio do antigo observatorio de Camposancos

Edificio do antigo colexio e observatorio de Camposancos

Ao pouco de tempo da súa chegada a Galicia (1880) Merino comezou a realizar medicións de temperatura, humidade e precipitacións dende o observatorio de Camposancos, creado no mesmo ano 1880 e que el mesmo acabaría dirixindo entre 1887 e 1905. Galicia non foi allea aos intentos por medir as variables do clima que xa comezarán en diversos puntos de España e Europa nas primeiras décadas do século XIX. En 1850 Antonio Casares foi o primeiro en facer observacións continuadas no observatorio de Santiago.

O de Camposancos foi o cuarto observatorio que se creou en Galicia, despois dos de Ferrol, Vigo e Santiago. Porén, en canto a calidade dos datos rexistrados na época no que o dirixiu Merino pode dicirse que a finais do século XIX converteuse no primeiro observatorio de Galicia. Tiña algunhas particularidades como unha garita de forma hexagonal, moi semellante á que hoxe pode verse no observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago.

Merino aplicou a boa práctica científica que desenvolveu ao longo da súa traxectoria tamén no campo da meteoroloxía. Os datos recompilados nesa época foron comparados recentemente cos que se tomaron noutros lugares e puido establecerse a súa precisión. A zona na que se atopaba o observatorio permitiu obter datos pouco contaminados e moi preto do océano. Os datos publicábanse no xornal “La Integridad” de A Guarda e seguiron aparecendo ata o ano 1918, cando Merino xa morrera e levaba anos sen dirixir o observatorio. O xesuíta preocupouse de deixar xente a cargo do observatorio que continuase a súa labor. O propio Ramón María Aller foi o seu alumno.

A curiosidade sen fin de Merino levábao a realizar medicións pouco habituais

Ademais, das observacións máis típicas de temperatura ou pluviometría, a curiosidade sen fin de Merino o levaba a realizar medicións menos habituais como as de niveis de ozono, a temperatura baixo o solo ou mesmo comezou a realizar análises clínicos das augas procedentes da chuvia, aínda que non chegou a rematalos.

Na súa traxectoria como meteorólogo Merino deixou algúns escritos moi interesantes. En 1891 publicou “El clima del Baixo Miño”, no que describe 140 especies vexetais que actúan como indicadoras do clima. Usaba a chamada “integral térmica” para describir como o millo ou a vide ían adaptándose ás condicións do clima. Ademais, o libro recollía 34 refráns climatolóxicos da zona.

Gráfica trazada por Merino.

Dous anos máis tarde chegou o que quizais é a obra máis importante de Merino no campo da meteoroloxía. Trátase do “Estudio de las borrascas en la costa occidental de Galicia”, onde emprega os datos recompilados nos anos anteriores para tratar de predicir o comportamento das borrascas. Hai que lembrar que o ano anterior ocorrera a traxedia de Póvoa de Varzim. Despois deste tráxico acontecemento Merino propuxo nun artigo publicado en “La Integridad” que os patróns dos barcos levaran un pequeno barómetro a bordo, para comprobar os cambios de presión atmosférica e poder evitar as grandes tormentas. A súa recomendación valeulle as louvanzas do director do Observatorio Meteorolóxico de Lisboa nesa época.

Aínda que pouco a pouco foi abandonando a actividade no campo da meteoroloxía para centrarse na botánica, nunca esqueceu totalmente o seu interese neste campo. En 1897 publicou “La vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca del Miño”, onde relacionaba o clima coas especies da zona e describía máis de 750 especies e as variedades que aparecían nas distintas épocas do ano.

O carácter sistemático de Merino e a súa obsesión por aplicar unha metodoloxía científica, pese aos poucos medios cos que contaba, converten a súa figura no gran pioneiro da meteoroloxía en Galicia. Os datos recompilados polo observatorio de Camposancos eran enviados ao de Madrid e publicados ano a ano ata 1896, despois seguiron publicándose en “La Integridad”. Hoxe en día aínda se están a estudar eses datos para coñecer mellor a evolución das condicións climáticas na zona dende esa época ata hoxe. Merino nunca puido sospeitar que a súa boa práctica científica chegaría a facer útiles eses datos un século despois da súa morte.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.