Mapa do estudo que engade Vigo e A Coruña ao triángulo sísmico de Lugo.

Mapa do estudo que engade Vigo e A Coruña ao triángulo sísmico de Lugo.

Un estudo sinala Vigo e A Coruña como novas áreas con risco de terremoto

A investigación afirma que son zonas onde pode producirse un sismo por riba dunha magnitude 5

As áreas de Vigo e da Coruña entraron a catalogarse como novas zonas de risco sísmico moderado. Así o asegura un estudo realizado por científicos españois, italianos e rusos e publicado en 2010 na revista Rendiconti Lincei. Os datos do Instituto Xeográfico Nacional, con decenas de sismos nos últimos anos en ambas as dúas zonas, confirman as previsións. Este xoves, un terremoto de magnitude 2,7  horas deixouse notar pasadas as 21,00 horas na cidade de Vigo, con epicentro localizado en Nigrán

O estudo sinala as grandes áreas de sismicidade da Península, tradicionalmente nos Pireneos e en Andalucía oriental. Non obstante, incorpora novas zonas, nas que aparecen a ría de Vigo e o golfo Ártabro. “A metodoloxía que aplicamos confirma as áreas de sismicidade máis importantes na Península Ibérica, pero sinala outras posibles fontes de terremotos de magnitude maior de 5 nalgunhas zonas onde, ata o momento, non se rexistraron” explicou Mariano García-Fernández, coautor do traballo e investigador do Museo Nacional de Ciencias Naturais (CSIC).

Na área de Vigo houbo 20 terremotos de máis de 2,5 nos últimos 10 anos

Ata a actualidade, a zona de Galicia máis sinalada para sismos era a provincia de Lugo, no triángulo Sarria-Becerreá-Triacastela. As novas zonas de costa súmanse ao mapa. E coinciden con outro punto de risco sísmico situado no Norte de Portugal.

“O importante deste traballo é a identificación a escala rexional de zonas susceptibles de producir terremotos moderados, o que non significa que finalmente se vaian producir”, puntualiza García-Fernández. O investigador aclara que se escolleu a magnitude 5 como albor de tamaño dos terremotos potenciais “por ser o valor a partir do cal se considera que poden comezar a producirse danos significativos nas estruturas”.

Localización de terremotos na península Ibérica para a investigación.

Localización de terremotos na península Ibérica para a investigación.

Na última década rexistráronse no ámbito da Coruña 12 terremotos significativos, con magnitudes por enriba dos 2,5 graos Richter. Varios destes sismos rexistráronse en Vimianzo, Santa Uxía de Ribeira e Porto do Son. Na zona da ría de Vigo a actividade é aínda maior, con 20 sismos de máis de 2,5 de magnitude nos últimos dez anos, con epicentros localizados en Cangas, Baiona, Mondariz, Covelo, Pazos de Borbén ou Ponteareas.

O estudo que sinala a ría de Vigo e a área da Coruña como zonas sísmicas prevé que poidan sufrir terremotos mesmo por enriba de 5 graos. Aínda que a partires desta magnitude xa se poden producir danos, a realidade é que en España apenas hai un gran terremoto, de escala 9, cada 100 ou 150 anos. E os grandes candidatos da Península seguen a estar nos Pireneos e Andalucía oriental. En Galicia, os xeólogos falan de ‘fallas curtas’ que non entrañan grave risco sísmico.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.