De esquerda a dereita, Diego Peña, Fernando López, Ben Feringa e Martín Fañanás. Imaxe: CiQUS.

De esquerda a dereita, Diego Peña, Fernando López, Ben Feringa e Martín Fañanás. Imaxe: CiQUS.

Tres investigadores do CiQUS, na homenaxe ao Nobel Feringa

Diego Peña, Fernando López e Martín Fañanás traballaron nos laboratorios do profesor holandés, na universidade de Groningen

Uns corenta investigadores de varios países reuníronse a semana pasada na universidade de Groningen, ao norte de Holanda, para homenaxear a Ben Feringa, Premio Nobel de Química en 2016. Durante dous días de simposio, decenas de científicos que colaboraron con el ao longo dos últimos trinta anos reuníronse para compartir as súas traxectorias e repasar a influencia de Feringa na súa carreira.

Entre eles estaban tres investigadores do CiQUS de Santiago de Compostela: Diego Peña, Fernando López e Martín Fañanás. “Foi un acto moi emotivo”, contou Diego Peña, que traballou con el durante a etapa de posdoutoramento. “É grato comprobar que aínda hoxe hai un sentimento de familia entre todos nós; iso é froito do bo ambiente que se respiraba nos laboratorios de Feringa, creo que o soubo transmitir moi ben. Sempre foi un xefe ‘boa persoa’ por riba de ‘bo científico'”, sostén Peña.

Todos os presentes coincidiron en destacar o entusiasmo e a determinación de Feringa

Nas conversas mantidas ao longo do simposio, o recoñecemento á figura de Ben Feringa era unánime. Todos coincidían en destacar múltiples calidades, como o entusiasmo ou a determinación: «Soubo motivarnos cando os ventos non eran favorables», comenta Fernando López. «A súa valentía para saltar dun tema científico a outro, sen medo nin ataduras, foi sempre un exemplo para todos nós», sinala.

Tras a concesión do Premio Nobel, que disparou a súa popularidade en todo o mundo (no seu pais é considerado hoxe una das principais personalidades do Estado), a visión do profesor Feringa apenas cambiou. Como explica Martín Fañanás, «seguirá traballando e comportándose como ata o de agora, movido por unha curiosidade insaciable». O terceiro dos seus discípulos no CiQUS móstrase convencido de que «non se conformará, sempre foi consciente de que os retos importantes estaban en ‘terra descoñecida’, fóra da zona de confort», sentencia.

O encontro tratou de render tributo aos máis de 30 anos de exercicio dun dos pais das ‘máquinas moleculares‘, que ao cabo lle valeron o recoñecemento da prestixiosa Academia Sueca. Unha extensa carreira ao redor da cal confluíron investigadores de múltiples nacionalidades e tres xeracións distintas, que insisten no carácter afable de Feringa e o seu don de xentes. «Hai outros Nobel, pero non son tan simpáticos», bromea Diego Pena.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.