Tomás, montando na casa un dos seus aparellos.

Tomás, montando na casa un dos seus aparellos.

Tomás, un meteorólogo de 14 anos

Este mozo vigués dedica gran parte do seu tempo libre a deseñar aparellos electrónicos de forma autodidacta

A Tomás Rodríguez, de só 14 anos, a paixón pola ciencia venlle de serie. Os seus pais, ambos científicos, inculcáronlle desde moi cativo a curiosidade e as ganas de aprender. De pequeno, como tantos outros científicos, “montaba e desmontaba os xoguetes para ver o que había dentro e saber como funcionaban”. Con todo, para el houbo un momento clave. O ano pasado visitou o Sarmiento de Gamboa, buque oceanográfico do CSIC, con base no porto de Vigo. “Quedei pasmado co que vía”, conta Tomás. Os aparellos de navegación do barco, dotados coa última tecnoloxía, espertaron neste estudante unha ilusión aínda maior.

Desenvolve un proxecto en cada estación do ano: fixo unha sonda, un microscopio e unha alarma

Durante as vacacións de verán, Tomás dedicouse a construír unha sonda para medir o pH, a salinidade, a conducción eléctrica e a temperatura da auga. Fíxoo na praia de Tuia, en Bueu. Mergullou a sonda perto da beira da praia, a medio metro baixo a auga, e desde a area, nun maletín, tiña un equipo con todo o necesario para medir os datos que, a través de Bluetooth, se enviaban desde o mar.

Desde comezos de xullo dedicouse á deseñar e montar a sonda. Fíxoo con placas Arduino, un dispositivo que se pode preparar, a través do linguaxe de programación C, para emitir e recibir datos de diferentes indicadores. Finalmente, o 11 de agosto probou a sonda. Unha vez realizados os axustes precisos, Tomás contactou con MeteoGalicia para ofrecerse como colaborador. Así, comprometeuse a enviar cada 15 días, en verán, as análises pertinentes da auga. Tamén colabora coa web Meteoclimatic.

Durante o curso, este mozo vigués tampouco para de fedellar cos aparellos electrónicos. Ten instalada na casa a súa propia estación meteorolóxica, con anemómetro, pluviómetro e termómetro, entre outros aparellos.

E de onde saca o tempo? Coma con todo, é cuestión de organizarse. “Vou a clase, estudio ata as 5 ou así e despois póñome a traballar ata a hora de cear”. Cando non é verán, fai proxectos máis ‘caseiros’. Elaborou, por exemplo, un microscopio de 10.000 aumentos e unha alarma para a vivenda familiar.

Ata sabe buscar a vida para atopar material sen gastar moitos cartos. “Os sensores consígoos desmontando cacharrería que temos pola casa, e outros cómproos”, explica. Con todo, Internet ofrece todo tipo de material a bo prezo.

A rede de redes é a súa gran fonte de aprendizaxe. De alí saca case toda a información para construír os seus inventos.

A pregunta típica: onde quere estudar de maior? Teno moi claro: “Quero ir ao Sarmiento de Gamboa. Gústame moito a electrónica de barcos, e supoño que estudarei algo relacionado con iso”, di Tomás decididamente.

Señores do CSIC, vaian facendo sitio.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.