Epicentro do terremoto en Oleiros deste mércores.

Epicentro do terremoto en Oleiros deste mércores.

Terremoto en Oleiros: unha zona “xeolóxicamente activa”

A falla da costa cantábrica, que vai dos Pireneos ata o golfo Ártabro, rexistrou cando menos seis sismos de magnitude 6, segundo o xeólogo Vidal Romaní

O terremoto en Oleiros de onte á tarde non foi percibido por moitas persoas, pero outras si que notaron uns segundos de vibracións e ruído. O Instituto Geográfico Nacional rebaixou, unha vez feitos os reaxustes, a magnitude a 2,9 fronte a inicial, de 3. Como fai con todos os sismos desta magnitude, pon a disposición das persoas que percibiran o sismo un cuestionario que se pode cubrir nesta ligazón.

O IGN puxo un cuestionario a disposición das persoas que sentisen o sismo

Todos os días hai sismos desta magnitude na península Ibérica. Pero foi, con todo, o máis intenso dos últimos 30 días en Galicia, por diante do de Padrenda (magnitude 2,6, o 4 de febreiro) e Navia de Suarna (2,6, 24 de xaneiro). Non en tanto, ao tratarse dunha zona densamente poboada, máis persoas percibiron o sismo.

“É bastante frecuente que se dean sismos como este en Galicia; e na zona do Golfo Ártabro, aínda máis”, sinala Juan Ramón Vidal Romaní, profesor emérito de Xeoloxía da Universidade da Coruña. Esta parte da xeografía galega está baixo a influencia da falla que vai paralela á costa cantábrica, “atravesa As Pontes e vai morrer a Doniños”, explica Romaní.

Segundo se expón no mapa baixo estas liñas, “entre a cidade da Coruña e a de Ferrol hai cando menos seis episodios sísmicos de magnitude 6; o máis salientable rexistrouse en 1.834 e tivo magnitude 7“, sinala o xeólogo. Unha das ramificacións da falla, en Santo André de Teixido, móvese periódicamente. Como curiosidade, engade Romaní, “o deslizamento de terras no que se construíu o santuario de Santo André e a aldea están edificados sobre a falla que agora se moveu e deu o terremoto en Oleiros”.

Mapa histórico de epicentros na zona do Golfo Ártabro. Cedido por J. R. Vidal Romaní.

Mapa histórico de epicentros na zona do Golfo Ártabro. Cedido por J. R. Vidal Romaní.

Sobre as posibles causas do terremoto en Oleiros deste mércores, o xeólogo apunta a un efecto “normal” do “reaxuste da codia, xa que Galicia está a levantarse pola compresión da placa Euroasiática contra a Ibérica”. Respecto da pouca profundidade do hipocentro (11 quilómetros) Vidal Romaní sinala que “indica máis un reaxuste da litosfera que algo máis grave, como un movemento ou choque de placas”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.