Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela

José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).

Terapia con células nai para recuperarse dun ictus

A Real Academia Galega de Ciencias premia unha investigación que demostra unha maior eficacia da terapia celular logo dun ictus

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de premiar unha investigación que demostra que a terapia con células nai permite a recuperación eficaz e en menos tempo logo dun ictus. O traballo científco, realizado por José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos —membros do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), participado polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e pola Universidade de Santiago de Compostela (USC)— resultou gañador do Premio de Investigación 2014 da RAGC, dotado con 6.000 euros, informa a institución.

Primeira causa de morte en Galicia

As enfermidades cerebrovasculares son a primeira causa de morte en Galicia e en España. Cada ano rexístranse en Galicia máis de 5.000 casos de ictus, cunha incidencia que vai en aumento debido ao aumento da esperanza de vida, que no ano 2050 será de 86,9 anos para os homes e de 90,7 anos para as mulleres.

O 80% dos ictus son os denominados isquémicos, coñecidos como infartos cerebrais, que se producen cando una arteria se obstrúe pola presenza dun coágulo de sangre. A pesar dos graves efectos socioeconómicos derivados desta enfermidade, as estratexias terapéuticas que se usan actualmente só se aplican a entre o 3 e o 5% dos pacientes e teñen unha eficacia moi limitada.

“Moitas enfermidades neurolóxicas aumentarán a súa prevalencia nos próximos anos e sen dúbida dúas delas serán responsables dun grave problema de saúde, de magnitudes pandémicas e con enormes repercusións socioeconómicas: o ictus e a demencia”, asegura José Castillo, coordinador do equipo galardoado e director científico do IDIS.

Na actualidade, menos da metade dos afectados por un ictus son capaces de retomar unha vida normal e o seu traballo. O resto quedan en situación de dependencia, o que ten consecuencias nas súas familia polos coidados e polo gasto medio anual de 22.000 euros que precisan. Polo que respecta ao sistema sanitario, en España supón entre o 2% e o 4% do gasto total, ao que hai que sumar os efectos asistenciais derivados de que o ictus estea detrás do 26% da discapacidade por enfermidade.

Os resultados apuntan á eficacia da terapia para a recuperación neurolóxica e funcional en 3 meses

Todos estes factores urxen solucións terapéuticas eficaces, xa que as existentes na actualidade se limitan a restaurar o fluxo sanguíneo na zona danada e só se aplican a entre tres e cinco pacientes de cada cen. As alternativas manexadas ata o de agora, principalmente fármacos neuroprotectores, tiveron éxito sobre animais pero fracasaron nos humanos.

Agora, a investigación dos científicos galegos demostra que as estratexias reparadoras baseadas en terapia celular son unha vía eficaz para a recuperación das persoas afectadas por un ictus. A solución proposta polos expertos do IDIS consiste en estimular os mecanismos de reparación espontáneos que experimentan os pacientes que conseguen superar a enfermidade e acurtar os períodos de recuperación funcional, que agora superan os 6 meses. Os seus resultados apuntan á eficacia do uso de célculas nai adultas circulantes en sangue periférica (a que circula por todo o corpo) para a recuperación neurolóxica e funcional nun período de 3 meses.

Segundo os responsables do equipo galardoado, o coñecemento da rexeneración do sistema nervioso e da súa recuperación tras sufrir lesións é “extraordinariamente positivo”. A estrutura e a función do sistema nervioso é menos ríxida do que se cría hai poucos anos e ten unha elevada capacidade para remodelarse. Os adultos poden orixinar novas neuronas, polo que a estimulación desta neuroxénese endóxena é unha vía moi prometedora para o tratamento de secuelas de enfermidades cerebrovasculares como o ictus.

O obxectivo principal da terapia celular proposta polos investigadores do IDIS é mimetizar os procesos de reparación que se producen de forma natural no cerebro, restaurando a función cerebral a través da substitución das células mortas durante o ictus mediante o trasplante doutras novas ou a estimulación das células proxenitoras propias.

O traballo realizado partiu da identificación de dianas celulares asociadas coa recuperación neurolóxica e funcional que se dá de maneira espontánea en pacientes de ictus. Este estudo realizouse na Unidade de Ictus do CHUS, onde se controlou a evolución clínica dos pacientes seleccionados durante un ano.  Unha vez identificadas as células capaces de orixinar a recuperación, traballouse con elas no laboratorio para facer trasplantes in vitro e realizouse un seguimento da súa evolución mediante técnicas non invasivas. Finalmente, testouse o método en animais con bos resultados.

Premio Novos Investigadores

Iago Bea Besada, físico de partículas da USC.

Iago Bea Besada, físico de partículas da USC.

Por outro lado, o proxecto galardoado co Premio Promoción de Novos Investigadores da RAGC dá un paso máis nun dos desenvolvementos máis notables da física teórica dos últimos anos, relacionado coa teoría de cordas. Esta permite reunir nun mesmo marco a teoría da relatividade xeral de Einstein, que explica o ámbito do máis grande (desde planetas a galaxias), e a teoría cuántica de campos, que dá conta do máis diminuto (máis aló do interior dos átomos). O enfoque do físico de partículas da USC Iago Bea Besada diríxese “cara a casos máis complexos, con intención de aproximarse ás teorías que rexen a natureza, en lugar de restrinxirse a meros exemplos matemáticos”.

Aínda que a intención primeira desta investigación é comprender a natureza en si mesma, esta abordaxe permite posibles aplicacións prácticas, como a creación de novos tipos de materiais, utilizables na construción de supercomputadores, ou outras tecnoloxías de nova xeración.

A elección dos galardoados cos premios da RAGC foi aprobada en pleno e serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 21 de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo terceira edición, levan por primeira vez o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, na honra do anterior presidente da institución.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.