Martes 19 Marzo 2024

Presentan a Teoría da Relatividade de Einstein traducida ao galego

Cúmprense cen anos de que un mozo Albert Einstein vise publicada unha das obras coas que revolucionou o mundo científico. Na primavera de 1917 saía do prelo “Teoría da relatividade” (Über die spezielle und die allgemeine Relativitätstheorie). Desde entón sucedéronse máis de 407 edicións e a tradución a varias linguas. Agora tamén está dispoñible en galego grazas ao Consello da Cultura Galega (CCG). O presidente da institución, Ramón Villares, canda os dous responsables da publicación, Jorge Mira e Francisco Díaz-Fierros, presentaron a edición galega que inclúe a obra revisada, a edición facsímil e dous estudos que contextualizan a obra no mundo científico e no eido galego. A obra pode descargarse de balde desde o web consellodacultura.gal.

A publicación desta obra forma parte dunha aposta que o Consello da Cultura Galega está a facer pola presenza da lingua galega na divulgación científica que vai desde a edición de cómics, xornadas ou o proxectos web como o Álbum da ciencia. Ademais, afirmou o presidente Ramón Villares, é “é outra forma máis de demostrar que o galego non é unha lingua poética senón completa que é capaz de soster calquera disciplina”. Nesta liña incidiu tamén o físico Jorge Mira quen afirmou que “esta obra emblemática tiña que estar en galego”.

Publicidade

Detalles da publicación
A edición en galego foi realizada a partir da primeira alemá de 1917 por Patricia Buján Otero e con revisión científica de Jorge Mira. A fonte de referencia empregada para esta obra foi a copia dixital publicada en liña polo Max Planck Institute for the History of Science (Berlín). “Tiñamos claro que tiña que ser a primeira, xa que non contén engadidos nin anotacións posteriores” explicou Mira.

A obra inclúe tamén dous estudos, un de Jorge Mira, que sitúa a obra no seu momento, e outro de Francisco Díaz-Fierros, que dá conta da repercusión que tivo na cultura galega.

Einstein no seu contexto
“Albert Einstein modificou o século XX” afirmou Jorge Mira na súa intervención, quen debullou a relevancia tanto do texto e do interese de Einstein de dar a coñecer os seus achados dunha forma comprensible. “Nos albores do século XX eran rara avis as achegas de divulgación científica. Se por riba engadimos o feito de que o autor é o científico máis relevante da época moderna, o valor engadido é enorme e fai desta un pequeno tesouro, tanto polo seu contido e autor como por ser pioneira no eido da popularización da ciencia” asegura Mira no texto publicado.

Einsein e a cultura galega
Einstein visitou España en febreiro de 1923. E isto tivo impacto na cultura galega por moitas vías. Disto dá conta o estudo que elaborou Francisco Díaz-Fierros, que recolle desde fotos en que o famoso físico aparece con algún galego, como o compostelán Rodríguez Carracido, daquela reitor da Universidade de Madrid; ou os artigos que Wenceslao Fernández Flórez ou Julio Camba publicaron en El Diario Español ou El Sol. Precisamente Camba aproveitou a visita para facer crítica da sociedade española: “¿Que el tiempo no existe de por sí, en términos absolutos y como tal tiempo? ¡Si lo sabremos nosotros, señor Einstein! El tiempo no existe porque los españoles lo hemos matado”.

Jorge Mira e Francisco Díaz-Fierros son os responsables desta publicación xenlleira

Pero hai moitas máis referencias do impacto de Einstein e os seus achados na cultura galega. Dunha banda entre a comunidade científica, como os matemáticos Juan Durán Loriga, David Fernández Diéguez e Ramón Aller ou o médico Roberto Nóvoa Santos que referenciaron no seu traballo as teorías de Einstein. Da outra, entre creadores novos como Rafael Dieste, Otero Espasandín ou Manuel Antonio que, alén da súa creación artística, tamén compartían unha acusada afección polas matemáticas. Na rolda de prensa, Díaz-Fierros incidiu na repercusión que Einstein tivo na vangardas artísticas e literarias galegas ao lembrar que “Manuel Antonio dedicoulle unha poesía completa á teoría da relatividade”.

A presentación desta publicación insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, coordinada polo profesor Francisco Díaz-Fierros que neste mes de xuño presentou outras dúas publicacións: dunha banda “Os comezos da química moderna en Galicia e a súa proxección no século XIX. Bicentenario da fundación do Colexio de Farmacia de Santiago de Compostela (1815-2015)” e, da outra, “Textos científicos en galego”.
A tradución ao galego de Einstein sitúsea na liña de tradución de obras clásicas e emblemáticas como a que acometeu en 2011 coa edición de “Ciencia e humanidades: dúas culturas en colisión? 50 anos de As dúas culturas de C. P. Snow”. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta sección.

Aquí podes descargar o libro
‘Verbo da teoría da relatividade restrinxida e xeral’, de Albert Einstein

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

Dez anos fomentando a curiosidade

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento