Visita á sala dedicada á biodiversidade do medio mariño

Visita á sala dedicada á biodiversidade do medio mariño

“Queremos reproducir o medio natural; non animais en vitrinas”

Isabel Fraga, directora do Museo de Historia Natural de Santiago, destaca o paso adiante da institución na divulgación do solo e dos ecosistemas terrestres

A vitrina co animal desecado ou as salas de exposición divididas entre botánica, zooloxía e xeoloxía foron a relixión oficial dos museos de ciencias naturais durante décadas.  Tamén a do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, que bota a andar en 1840 como un Gabinete de Historia Natural e herbario da man de Antonio Casares.  Pero 175 anos despois e moitas doazóns e horas de traballo polo medio, este museo universitario que é case unha arca de Noé para a ciencia -é o conxunto de patrimonio científico máis importante de Galicia-, cumpre un ano no seu novo edificio do barrio de Vista Alegre de Santiago e é  hoxe bastante menos evidente e conservador.

Sala dedicada ao solo, pioneira nos museos de historia natural en España

Sala dedicada ao solo, pioneira nos museos de historia natural en España

Na mudanza a Vista Alegre dende a Facultade de Física, a súa casa dende os anos 60, o museo abriu unha sala dedicada ao solo, até entón irmán pobre e sufrido das ciencias naturais, moito máis para o planeta que o simple anaco de chan onde pousamos os pés. Nas novas salas evítase ademais a arquetípica exposición do lobo naturalizado sen máis contexto na súa vitrina. María Isabel Fraga, directora actual da institución, explica a pequena revolución do ouseo neste último ano da súa vida centenaria “Neste novo museo intentamos reproducir ambientes naturais e ecosistemas, que se vexan as relacións, o tipo de sustrato e rocha, os animais e as prantas xuntos, queremos reproducir o medio natural de verdade, non só os exemplares illados en vitrinas coma antes. Fomos os primeiros en montar unha sala para explicar que é o solo, como se forma e cales son as súas características. A xente queda moi sorprendida porque moita dela non sabe da súa importancia, pensa que é alto estático. Logo de poñela nós outros museos están tamén incorporándoo. Somos pioneiros e estamos servindo de exemplo”, conta Fraga dende a Facultade de Bioloxía, onde é profesora do departamento de Botánica.

“No tema do solo somos pioneiros e estamos a servir de exemplo a outros”

Unhas 30.000 persoas pasaron dende outubro de 2015 polas instalacións de Vista Alegre e, entre elas, 300 grupos procedentes de centros de ensinanza. Todas viron as xoias da corona; a colección malacolóxica de Emilio Rolán, científico de A Guarda e prolífico viaxeiro e descubridor de especies mariñas –máis de 900 – con especial querenza polos arquipélagos das Antillas e Cabo Verde; o conxunto de peixes secos do século XIX pendurados do teito para que o visitante imaxine o mar; a rica mostra de minerais da colección Viqueira ou os modelos elaborados en madeira por René-Just Haüy, para representar a cristalización das rocas. Reprodúcese tamén no museo unha sección do solo granítico galego e ecosistemas próximos e afastados, dende o bosque caducifolio das fragas á sabana ou a selva doutras latitudes. “O museo é unha boa mostra da diversidade que hai tanto dentro como fóra da universidade en relación ao medio natural. As coleccións máis grandes e importantes son as máis modernas, resultado de investigacións recentes da USC ou doutros investigadores que colaboran con nós, como Emilio Rolán, que aínda que hoxe é investigador do museo fixo outros traballos de xeito alleo á universidade”.

Os favoritos do público “dependen dos intereses”, responde, conciliadora, a directora, aínda que as coleccións minerais e a reproducións do ecosistemas resultan case sempre moi atractivas.  Polo Museo de Historia Natural pasan a miúdo estudantes de arte que reproducen con paciencia nos seus cadernos as algas deshidratadas que atesoura a institución. Unha exposición temporal deste mesmo ano xunta nunha mesma sala as pinturas que Eugenio Granell fixo das aves exóticas que coñeceu en América cos exemplares de aves americanas da colección do museo. Di Fraga que facer a ciencia atractiva, explicala e mastigala para terceiros é a gran misión social dun museo como o que dirixe. “É a base fundamental. Para valorar algo primeiro hai que coñecelo. Moitos actos de vandalismo que se vén teñen que ver cun descoñecemento total do mundo que nos rodea. O noso maior interese é ensinar a valorar o mundo para que deste xeito se respecte. Que a xente tome decisións sabendo o que ten diante; do contrario estaremos nun mundo de brutos e salvaxes”.

Aínda que o Museo de Historia Natural é inseparable da Universidade de Santiago, a director defende que a súa condición de universitario non debe pechalo dentro das fronteiras da institución. As doazóns chegan de fóra dos departamentos composteláns. “A última grande é deste mesmo ano, unha colección de minerais doada por Joaquín Pardo, máis de 5.000 minerais recollidos en España e do estranxeiro. Acaban de facernos unha proposta e estamos aínda nas primeiras fases para outra de fósiles dunha persoa francesa”,  conta Fraga. As mostras de ADN tamén son moi cotizadas por estudosos de todo o mundo. “Para moitos traballos de filoxenia e análise molecular son moi interesantes os exemplares antigos e para traballar con esas mostras do ADN hai que botar man dos museos. Nós de feito damos pequenas mostras de ADN en España e no estranxeiro para estudos”, segue a directora.  “O museo ten que interactuar coa sociedade. É unha fiestra da universidade na sociedade e da universidade cara outras institucións”.

O museo é unha referencia para estudos de filoxenia e análise molecular

A propia directora forma parte de Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural creada en setembro co ánimo de preparar actividades que arrastren máis xente á finca de Vista Alegre. Xa agora, cada tres meses, o Museo renova a súa programación de fin de semana e ofrece a oportunidade de desdramatizar a ciencia con obradoiros dirixidos a cativos e familias. Para o Samaín propónselle aos pequenos un percorrido “terrorífico” polas coleccións e, en novembro, un obradoiro sobre velenos e animais letais, se cadra por aquilo de que a ciencia ilumina e desautoriza os medos. “Para o mes que vén agardamos ter xa unha xunta directiva escollida polos socios e dende aí empezaremos a desenvolver actividades dendes a asociación para colaborar en todo o que é a vida do museo”. Polo momento o óso duro de roer é público adolescente. “A idea é que cantas máis cousas se poda facer para atraer á  xente en xeral e a nova en particular, mellor. Todo será benvido”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.