A estructura esférica do fulereno, con pentágonos e hexágonos, semella un balón de fútbol.

A estructura esférica do fulereno, con pentágonos e hexágonos, semella un balón de fútbol.

Santiago xoga ao fútbol co fulereno

A Royal Society destaca un artigo do CIQUS sobre receptores da molécula de carbono chamada a revolucionar os materiais

Para os biólogos, o ADN é a molécula máis bela do mundo. Para moitos químicos, o mérito podería recaer no fulereno, a terceira forma molecular máis estable do carbono, despois do diamante e do grafito. Trátase (na súa versión C60) dunha esfera de 20 hexágonos e 12 pentágonos, formada por átomos de carbono enlazados, que se asemella a un balón de fútbol. Dende o seu descubrimento, hai 30 anos, o fulereno marabilla aos químicos e aos artistas, pois xa foi representado en obras de arte. Pero, sobre todo, abre novas portas a unha revolución dos materiais, con aplicacións en medicina, enerxía ou telecomunicacións. Sintetízase en laboratorio, pero tamén se ten atopado en rastos de antiquísimos meteoritos ou tamén en algo tan común como na feluxe da combustión dunha vela.

Portada da revista co artigo da USC sobre fulereno.

Portada da revista co artigo da USC sobre fulereno.

Na Universidade de Santiago, científicos do CIQUS (Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) levan anos facendo avances co fulereno. Queren atrapalo, manipulalo, convertelo en tubos nanométricos, facer que sirva de envoltorio microscópico para medicamentos. E os seus traballos teñen premio.

Un artigo liderado polo profesor Jesús Rodríguez Otero foi seleccionado como portada do último número da revista “Physical Chemistry Chemical Physics”, da Royal Society of Chemistry (RSC). Este artigo propón, usando as ferramentas da química computacional, como deseñar receptores cóncavos para o recoñecemento de fulerenos.

Pero que ten isto que ver co fútbol? Pois é unha forma de explicar esta investigación. Porque os químicos do CIQUS queren crear ferramentas microscópicas que lles permitan atrapar o fulereno, algo imprescindible para manipulalo. E a dificultade está na característica que máis marabillou cando foi descuberto en 1985. Esperábase unha molécula lineal e apareceu unha esférica. O fulereno é, polo tanto, unha pelota. E como atraparías unha pelota de fútbol microscópica? Cunha luva de fútbol microscópica.

O que fan os científicos do CIQUS é traballar con moléculas cóncavas, que poidan atrapar ao fulereno polas pelotas, por dicilo en bruto. Unha vez a luva molecular captura a esfera, poden formar complexos estables, que terían aplicación como novos materiais, na conversión de enerxía solar, a optoelectrónica, a catálise ou o desenvolvemento de interruptores moleculares.

As esferas de fulereno poden acoller por exemplo antibióticos

Os candidatos a luva de fútbol para a pelota de fulereno son para o CIQUS os hidrocarburos aromáticos policíclicos en forma de cunca. O resultado son unhas pinzas moleculares que probaron e cuxos resultados destaca a prestixiosa Royal Society of Chemistry.

Na química do carbono, o material de moda é hoxe o grafeno, coa súa estrutura plana e ultrafina. Pero o fulereno xa ocupa o seu sitio como material de futuro con múltiples aplicacións. Entre outras, ao ser unha esfera oca, pode atrapar no seu interior outra substancia. No campo da nanomedicina, o fulereno C60 estudouse polo seu potencial uso como fixador de antibióticos específicos na súa estrutura para atacar bacterias resistentes e certas células canceríxenas, tales como no melanoma.

Doodle de Google nos 25 ano do descubrimento do fulereno.

Doodle de Google nos 25 ano do descubrimento do fulereno.

“Os nosos cálculos conducen ao feito de que as pinzas moleculares ata agora sintetizadas aínda teñen moito marxe de mellora”, aseguran no CIQUS. Aínda que as estratexias que desenvolveron “representan posibilidades moi prometedoras”.

Así que parece investigación básica, pero a súa aplicación práctica xa chega á nosa propia saúde. Porque a fronteira entre ciencia básica e aplicada é cada vez máis difusa. E en Santiago traballan con ambas as dúas, porque todo vai moi rápido. O pequeno faise moi grande. E o CIQUS brilla internacionalmente cun obxectivo: xogar ao fútbol e botarlle a luva ao fulereno.

Ler a reportaxe en castelán

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.