Foto de familia de todos os premiados na Galiciencia 2017.

Foto de familia de todos os premiados na Galiciencia 2017.

Un salvavidas para delfíns varados gaña o premio da Galiciencia

Un sistema para protexer da corrosión os bancos dos parques e outro para contar bolboretas, tamén galardoados

O dispositivo salvavidas de delfíns varados deseñado por dous estudantes vigueses é o gañador absoluto da Galiciencia 2017. O sistema desenvolvido por Carlos Fole, Jaime Alonso, Miguel Herranz e Mateo Martínez do Colexio Montecastelo de Vigo, foi o mellor valorado polo xurado entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2018 (Barcelona).

O equipo gañador, do Montecastelo de Vigo.

O equipo gañador, do Montecastelo de Vigo.

Durante os tres días que durou a Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2.000 visitantes. O evento estivo organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

O innovador dispositivo merecedor do máximo galardón ten como principal obxectivo minimizar o varamento de delfíns nas costas galegas, pero tamén permite facer un seguimento dos exemplares que transitan polo noso litoral e rexistrar así as súas rutas máis habituais. Os alumnos, que bautizaron o seu invento co nome de SISEDE (Sistema de Seguimento de Delfíns), programaron un hidrófono para sumerxilo no mar de maneira que, mediante a captación do son que emiten os golfiños, permita seguilos e emitir alertas á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e ao 112 cando se detecte que entran en zonas de perigo de varamento.

Sorprendeu ao xurado o proxecto titulado  ‘Radiografía dun cigarro’

Ademais, desenvolveron una aplicación móbil para que calquera poida fotografar un avistamento de delfíns ou mesmo un varamento e enviar a imaxe cos datos de situación. Todo isto permitirá, ademais de salvar a vida de moitos golfiños, trazar mapas de tránsito destes cetáceos nas nosas costas ou en calquera outra na que se utilice o sistema, co obxectivo de restrinxir o tráfico marítimo nestas zonas concretas.

O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, correspondeulle ao estudo de Martín Ansia e Miguel Rodríguez, das Aulas Tecnópole, sobre os metais de sacrificio, utilizados para protexer contra a corrosión as estruturas metálicas ao aire libre, como os bancos dos parques.

O equipo cubriu 18 placas de ferro con tres metais de sacrificio (magnesio, aluminio e cobre) e recubriunas cun ácido de PH alto. Co paso dos días descubriron que o que mellor protexe é o magnesio. A partir del, crearon un líquido protector anticorrosión que puxeron a proba con éxito sobre pezas do mobiliario urbano de Ourense, coa vantaxe engadida de que é máis económico que os que se poden atopar no mercado.

En terceiro lugar quedaron Arnau Visuña e Adrián Aira, do CPI Poeta Uxío Novoneyra (Seoane do Courel, Lugo), que se propuxeron coñecer a fondo a poboación de bolboretas na aldea de Froxán, comparando a súa biodiversidade en dous hábitats diferentes.

Foto de familia de todos os participantes na Galiciencia.

Foto de familia de todos os participantes na Galiciencia.

O equipo tomou mostras durante un ano, dende setembro de 2016 ata setembro de 2017, das bolboretas diurnas dun ecosistema de bosque mixto (sobreiras e castiñeiros) e dunha zona de prados sen rega (campazos). A mostraxe realizouse ao longo dun traxecto de 430 metros, fotografando todos os individuos atopados neles, e conclusión foi que a biodiversidade é lixeiramente maior no bosque que nos campazos. O equipo recibiu 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

Mencións especiais
De xeito complementario, entregáronse varias mencións especiais por categorías. A radiografía dun cigarro de Ángela Reboredo e Andrea García, do IES Aller Ulloa de Lalín, foi recoñecida como o proxecto cunha mellor presentación e comunicación oral. As estudantes investigaron os efectos sobre a saúde de todas as substancias que compoñen un cigarro e averiguaron que a capacidade do tabaco para xerar dependencia se debe á nicotina, que activa funcións cerebrais no sistema pracer-recompensa do cerebro.

Ben documentadas sobre a dependencia, a tolerancia e a síndrome de abstinencia, aplicáronse durante toda a Galiciencia en concienciar aos visitantes sobre os efectos prexudiciais do tabaco, axudadas por un artiluxio construído por elas que simula o efecto pernicioso do fume nos pulmóns.

O Colexio Alborada creou un invernadoiro con autorrego por auga de mar

Como proxecto máis innovador, foi premiado o invernadoiro con autorrego de auga de mar, de Laura Costas e Inés Castro do Colexio Alborada de Vigo. A maqueta que as alumnas levaron á Galiciencia conquistou ao xurado nun momento especialmente marcado pola ameaza da seca. O prototipo, con forma de piscina cuberta, sitúa os cultivos nunha plataforma enriba da cubeta inferior á que chega a auga de mar. A evaporación da auga mediante o efecto invernadoiro provoca a perda da súa salinidade e garante a humidade necesaria para que os cultivos vaian adiante, como comprobaron as estudantes con plantas de faba, lentella, rúcula e perexil.

O proxecto de modificación xenética dun fungo desenvolvido por Carlos Casquero e Santiago Janeiro, do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio (Pontevedra), foi distinguido polo método científico e proceso de investigación mellor definido. Mediante raios ultravioleta tipo C, someteron o fungo Pleurotus Ostreatus a variacións xenéticas, co obxectivo de provocar graos de crecemento e desenvolvemento distintos. Para realizar este proxecto decidiuse dividir o fungo en tres grupos: un que non foi exposto a raios ultravioleta, outro que foi exposto durante 1 hora e outro que se expuxo 2 horas. O crecemento dos fungos presenta diferencias moi notables, de maneira que os máis expostos aos raios ultravioleta proliferaron máis.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.