Xoves 28 Marzo 2024

Os ríos galegos contaminados producen mosquitos estresados

Os mosquitos están estresados. Cando menos, os que habitan os ríos galegos máis contaminados. Un estudo da UNED demostra que a presenza de metais pesados e pesticidas xenera nos insectos estrés, malformacións e desnutrición. O Sar, o Con e o Louro son os cauces estudados nesta investigación de repercusión internacional coa colaboración das universidades de Santiago e A Coruña.

Os tres ríos do traballo de campo, o Sar, o Con e o Louro, teñen altos niveis de contaminación. E os seus mosquitos responden de xeito diferente a nivel molecular a estes residuos en función do tipo de tóxicos aos que están expostos.

Publicidade

Os investigadores da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) detectaron en larvas recollidas nos tres ríos diferenzas nos niveis de expresión dun xene responsable da produción dunha proteína clave na resposta de organismos fronte ao estrés, a HSP70.

“Esta proteína está involucrada na protección das células ante situacións de estrés, que poñen en perigo a súa supervivencia e, por extensión, a dos organismos dos que forman parte”, explica Rosario Planelló, investigadora do grupo de Biología y Toxicología Ambiental da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

A científica dirixe un estudo no que colaboran expertos da UNED, da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago de Compostela e da Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con“.

O traballo, publicado na revista Environmental Toxicology, analiza por primeira vez sobre o terreo unha ampla batería de marcadores biolóxicos -moleculares, celulares e morfolóxicos- en larvas deste tipo de mosquito (Chironomus riparius), sometidas a diferentes graos e tipos de contaminación. Estas foron comparadas con exemplares libres de tóxicos, no laboratorio.

A contaminación afecta ós xenes e altera a metamorfose dos insectos

“Temos descuberto que poboacións sometidas a diferente tipo e grao de contaminación mostran diferenzas no comportamento de determinados xenes, claves polo seu papel na resposta a estrés, a desintoxicación ou á ruta hormonal, que controla o desenvolvemento e a metamorfose nos insectos”, resume Planelló.

Así acontece cos niveis de expresión do xene hsp70. O estudo demostrou que eran moi superiores en larvas de campo comparadas con larvas de laboratorio, non expostas a contaminantes. De feito, as larvas do río Con, que soportan unha gran cantidade de metais pesados, son as que presentaron este xene máis activo.

Baixas reservas enerxéticas e problemas bucais

Os mosquitos analizados, os quironómidos, representan “unha parte moi importante da fauna que habita os sedimentos de masas de auga doce e son clave nas cadeas tróficas deste tipo de ecosistemas”, destaca Óscar Herrero, investigador do mesmo grupo da UNED e outro dos autores do traballo. Como moitos dos contaminantes ambientais tenden a acumularse nos devanditos sedimentos, estes invertebrados resultan moi axeitados para estudos de toxicidade ambiental.

No río Con, o máis contaminado en metais dos tres que se analizan no estudo e o que conta cos niveis máis baixos de materia orgánica -o alimento das súas poboacións-, os mosquitos experimentaron un descenso notable da súa reserva enerxética, o glicóxeno.

Os insectos padecen estrés crónico derivado da baixa calidade da auga

“O estrés crónico ao que están sometidos por vivir entre tanta contaminación suponlles un custo enerxético elevado e, ao non dispoñer de tanto alimento nese medio, necesitan obter enerxía a partir das súas reservas de glicóxeno, o que explicaría a baixada dos seus niveis,” apunta Planelló.

Os científicos tamén analizaron as deformidades que produce a contaminación sobre as pezas bucais nos insectos, e que se traduce en larvas ás que lles faltan algunhas pezas ou teñen varias fusionadas. “A maior incidencia de deformidades encontrámola nas larvas dos ríos Sar e Louro, que son os que contan cunha maior diversidade de contaminantes e en maior concentración”, engade Herrero.

Estes ríos conteñen moitas substancias tóxicas que, estudadas individualmente, xa mostraran a súa capacidade para inducir deformidades en estudos de laboratorio, recordan os investigadores.

Contaminados en diferente medida

Os tres ríos galegos estudados presentaron os once metais analizados polo equipo de científicos, aínda que en diferentes proporcións. O río Louro, afluente do Miño, rexistrou os valores máis altos de pesticidas organoclorados, como consecuencia das augas residuais insuficientemente tratadas vertidas dende a área industrial de Porriño e a cidade de Tui.

O río Sar presentou os maiores niveis de residuos de produtos farmacéuticos e de coidado persoal e alquilfenoles, o que podería explicarse pola presenza do hospital e unha planta depuradora próximos ao río.

Por último, o río Con aínda que o menos contaminado dos tres, rexistrou a maior cantidade de metais pesados -en especial cromo, níquel e cobre-, e dalgúns pesticidas, ao recibir os residuos dunha área rural próxima, onde cultivan patacas e millo, e abundan os viñedos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais